São Jorge

Hai unha semana chegou ás pantallas cinematográficas portuguesas São Jorge, un moi interesante filme dirixido por Marco Martins, un director de 45 anos, que se iniciou na longametraxe con Alice (2005), película estreada no Festival de Cannes dese ano, que foi a escollida para representar a Portugal como candidata ao Óscar ao mellor filme estranxeiro e que, ademais, foi a gañadora do Globo de Ouro ao mellor filme portugués de 2006. Tamén o seu protagonista, Nuno Lopes, foi galardoado con ese mesmo premio na categoría de mellor actor.
Fun ver São Jorge e debo manifestar que levei unha magnífica sorpresa. Teño visto, obviamente, cine portugués, mais, en verdade, non podo dicir que sexa, nin minimamente, un coñecedor do mesmo e de aí, sen dúbida, que me chamase a atención o ben feito que estaba o que vin nos 112 minutos que dura a película.
Polo que lin, foi o actor Nuno Lopes quen lle andaba dando voltas á posibilidade de facer un filme sobre o mundo do boxeo no que estivese presente o trasfondo social, dado que en Portugal non hai boxeadores ricos e, por iso mesmo, cando se aborda o mundo boxístico sempre se fala de xente pobre. Nuno Lopes tiña interese, xa que logo, en traballar sobre esa xente que loita literalmente pola vida e comentoullo ao Marco Martins. Así, comezaron a facer pesquisas polas zonas onde se vive o boxeo xusto nos momentos en que empezaba a facerse palapable en Portugal esa rapina perfectamente estudada e xeneralizada que dan en chamar crise. Foi o tempo en que chegaron a Portugal a Unión Europea, o FMI, o BCE, a chamada toika, esixindo restruturacións económicas, recortes de gasto e esas cousas das que por estes lares tamén sabemos bastante.  E a crise empezou a entrar no proxecto do filme. O director ten confesado que non tiña, en absoluto, prevista a presenza de tantas personaxes interpretadas por non-actores nin que a parte non ficcional chegase a ter tanta importancia. Foron as xentes da rúa, os non actores, os que comezaron a falar da situación económica e a dicir cousas que el nunca tería escrito, mesmo por non concordar con elas. A realidade acabou por impoñerse e deulle ao filme ese punto de vista social.
Tanto o director como o actor, de quen surxiu a idea da posibilidade do filme, levaron unha grande sorpresa cando descobriron que no submundo dos barrios sociais se sobrevivía moito a través do boxeo e a chamada crise fixo que moitos boxeadores atopasen un xeito de gañar uns cartos poñéndose a traballar en empresas voitres especializadas en cobranzas difíciles, aparecendo nos lugares de traballo ou nos domicilios dos debedores con aires agresivos. E confesan, que foi aí, onde se convenceron de que tiñan guión: a historia dalguén que cobra débedas para pagar as propias débedas era un punto de partida moi forte.
São Jorge reférese tanto ao protagonista, chamado Jorge, como ao santo ao que dirixe a oración do comezo: “Eu andarei vestido e armado com as armas de São Jorge para que meus inimigos, tendo pés não me alcancem, tendo mãos não me peguem,...”. Nuno Lopes, que recebeu o “Premio Speciale Orizzonti” do Festival de Venecia, dá vida a un boxeador con débedas (co pai, que o mantén na casa; co fillo, a quen lle resulta difícil manter e coa muller, á que lle costa pasar a pensión) ademais de ter que pelexar contra a austeridade que trouxo o desemprego e as malas condicións de vida.
Moi recomendable. O problema é se se vai distribuír en España.
 

São Jorge

Te puede interesar