Ríos revoltos

omo adoito ter a tensión tirando a baixa, polas mañás preciso dun certo tempo para me converter plenamente en persoa. Nesa fase estaba o outro día cando recibín unha mensaxe co anaco da entrevista de Casado á COPE na que, textualmente, se refería “a todos los españoles que votamos hace 40 años que la forma de estado fuera la monarquía parlamentaria, y hace seis, que quien la encarnara fuera Don Felipe de Borbón”. “Isto non pode ser verdade, debo estar soñando”, pensei. E decidín ir á ducha para espertar de todo. Mentres almorzaba volvín escoitar a gravación e confirmei que non había soño ningún, que o líder do PP, máis unha vez, quería colar como certas o que non son nin medias verdades. 
Porque hai 40 anos, que eu saiba, non votamos –o señor Casado mal puido facelo porque non nacera– exactamente unha monarquía parlamentaria como forma de estado. Cando se votou o que se votou, que non era iso, Juan Carlos I xa era xefe de Estado e rei de España, desde o 22 de novembro de 1975, un mes despois da morte do ditador, que o nomeara sucesor, como tal, seis anos antes. Da referencia a don Felipe nada que dicir, porque aínda non me dei recuperado do impacto.

Ríos revoltos

Te puede interesar