Río revolto

Nas últimas semanas convertéronse en virais -como se en cuestións víricas non nos abondase co SRAS-CoV-2- as declaracións da presidenta da comunidade de Madrid, após a súa reunión co presidente do Goberno do Estado, particularmente anacos como este: “Madrid es de todos. Madrid es España dentro de España. ¿Madrid, qué es si no es España? No es de nadie, porque es de todos”, que, estou certo, xa terán visto e ouvido máis dunha vez. Se repito o texto é porque me parece que declaracións como esas -principalmente na versión oral- non deben quedar en flor dun día,  pois falan ben ás claras, penso, das capacidades -e non só das oratorias- da personaxe que as pronuncia. Parece evidente que a xestión dunha situación como a actual é a cousa máis complexa do mundo. Aquí, en Roma e en Honolulú. É por iso que me chamaba moito a atención o afán desmedido das comunidades –certo é que, e por diferentes motivos, unhas máis que outras– por quereren xestionar nos seus territorios unha pandemia de ámbito global, máxime cando se estaban poñendo de manifesto pésimas xestións de ámbitos sanitarios das súas exclusivas competencias. Pensemos nas carencias de medios materiais e humanos –en asistencia primaria e hospitalaria–, no estado das residencias de maiores..., todo froito das políticas de suicidas recortes practicadas polos gobernantes do PP.

Nesa liña de reivindicacións do propio, tampouco entendía os cabreos que agarraban os meus amigos nacionalistas, por entenderen que por baixo do control do sanitario se agachaba unha redución das competencias dos gobernos autónomos. -Que queredes, que xestionen isto Feijóo e o PP, con todo o seu tinglado de servizos privatizados?, preguntáballes eu. -Non, non se trata diso, mais..., contestaban, sen aclararen ese mais. O tempo, estou convencido, deume a razón. Aquel estado de alarma acabou E as comunidades volveron xestionar o seu, bastante peor, entendo, que como se estaba facendo. As cifras están aí. Os que acusaban o Goberno de favoritismo con determinadas comunidades non tiveron reparo en recluír os barrios máis pobres de Madrid e poderíanse citar infinidade de casos en todos os territorios que conforman o Estado. Porque o malo non é exclusivo nin do PP nin de Madrid. Pero, nesta coxuntura, é innegable que en Madrid –concello e comunidade– están as xoias da coroa do Partido Popular e, consecuentemente, son estes os lugares fundamentais para lanzar os ataques que fixeren falta contra o goberno. O cheiro a vitimismo de palabras como estas: “a veces pareciera que el gobierno está más defendiendo al resto de España de Madrid que protegiendo a los ciudadanos de Madrid”, ditas polo “consejero de Justicia, Interior y Víctimas” ao programa Espejo Público, creo que reflicten ben esa estratexia.

Como complemento, recoméndolles escoitar (senado.es) a intervención no Senado do señor Alarcó. Non ten desperdicio.

Río revolto

Te puede interesar