Río revolto

O señor Albert Rivera, que é máis que evidente que ten exceso de présa en chegar a onde pretende e todo o mundo sabe –eu estou convencidísimo de que nunca o vai conseguir, e diría que afortunadamente– armou unha boa de confusionismo, que era o que pretendía, sacando á opinión pública, vía intervención parlamentaria, un tema, como o da tese de doutoramento do presidente do goberno, do que a inmensa maioría da xente do común pouco sabe, en boa lóxica, porque non lle afecta nin para ben nin para mal. Neste noso país a inmensa maioría dos doutores e das doutoras, entendendo por tales as persoas que están en posesión desa titulación, son xentes que precisaron esa titulacion para desenvolver plenamente a súa carreira profesional. E a única carreira profesional que require do doutoramento é a de profesor ou profesora universitaria funcionaria, isto é, profesores ou profesoras titulares e catedráticos ou catedráticas de universidade. Hai, naturalmente, outros tipos de profesorado contratado que non precisan o doutoramento. En consecuencia, calquera persoa que teña en mente ser docente universitario o primeiro que ten que ter claro é que debe poñerse desde o primeiro momento a realizar a súa tese de doutoramento e defendela canto antes poida. E créanme se lles digo que non resulta moi doado facela en menos de cinco anos de dedicacion continuada se se ten que combinar ese traballo investigador con outras funcións, como a de impartir docencia, que é a máis común.
Dicía antes o de que os doutores son os que teñen a titulación de doutor porque no noso entorno é moi común chamarlles doutores ou doutoras a todos e a todas as médicas, cando, curiosamente, entre os titulados –licenciados ou graduados– en medicina e cirurxía non abundan os doutores. En México sucede o mesmo cos titulados en dereito. Son chamados doutores e case ningún deles ou delas realmente o é.
Como o señor Rivera, que non é doutor mais si sabedor de que vivimos nun país de listos, onde todo o mundo pensa que sabe e pode opinar –e a miúdo pontificando– de todo, solicitou do presidente do goberno que ensinase a súa tese, o que non deixa de ser unha auténtica boutade sementadora de confusión, dado que de todas as teses que se defenden nas universidades queda un exemplar que sempre se puido consultar sen problema ningún. O que non se pode facer de xeito ningún, dado que se trata dun estudo inédito, é facer copias que non sexan manuscritas. Sempre foi así e o señor Rivera, que pasou pola universidade, se non o sabía debería telo sabido.

Río revolto

Te puede interesar