Que inventen eles

En innúmeras ocasións, e desde ben neno , teño escoitado, así, en español, a frase “¡Que inventen ellos!”, como paradigma da escasa atención que por estas terras hispanas se lle presta á investigación de todo tipo. Hoxe mesmo, a situación de precariedade laboral e salarial na que se atopan a inmensa maioría dos e das xoves  investigadoras é para botarse a chorar e non parar. É por iso que moreas e moreas deles e delas acaban por facer as maletas e procurar ámbitos de traballo alén dos Pirineos ou do Atlántico. Citei Unamuno porque, como sabemos, foi o catedrático e escritor bilbaíno quen dixo a frase por vez primeira: “Inventen, pues, ellos y nosotros nos aprovecharemos de sus invenciones. Pues confío y espero en que estarás convencido, como yo lo estoy, de que la luz eléctrica alumbra aquí tan bien como allí donde se inventó”. As palabras están postas na boca de Román, un dos protagonistas de “El Pórtico del templo, diálogo divagatorio entre Román y Sabino, dos amigos” (1906). Esteamos ou non de acordo coa frase ou co autor, o caso é que niso hai moito de verdade, que inventen eles que xa copiaremos nós. É evidente que o copieteo, pagando dereitos ou non, está á orde do día. Abonda con reparar nos chamados programas de entretemento que pululan polas cadeas de televisión todas. Ata os máis cutres adoitan ser traídos de fóra, case que exclusivamente, como non, dos Estados Unidos. E bos cartos que se pagan de regalía. Ese abuso de materiais alleos semella acreditar no clásico Nihil novum sub sole do Eclesiastés, como se cada día non puidesen aparecer cousas novas. Mais así é, e non só no mundo da chamada televisión basura. No ámbito televisivo móvese moito diñeiro e o deporte retransmitido pode xerar inmensos beneficios. A NBA que, lembremos, é unha liga privada que naceu promovida polos propietarios dos recintos deportivos para, obviamente, obter mellores rendas deles é un dos espectáculos que máis cartos move, en boa medida polas retransmisións dos partidos en todo o mundo. Ata eu, que son pouco baloncestista, teño visto algún que outro partido a horas intempestivas. E un bo día, entre nós, a alguén se lle ocorreu facer algo parecido co fútbol español e así naceu a Liga de Fútbol Profesional. Mais mentres en USA a NBA non depende de ningún outro organismo para organizarse como mellor estime aquí a situación é moi outra, empezando polos estadios. E aí está a guerra de calendarios entre a LFP e a Federación. Eu estou en contra dos partidos de venres e luns. Menos economía capitalista, por favor.

Que inventen eles

Te puede interesar