Premios

De camiño para apañar o auto e emprender a viaxe de volta, ao pasar por diante da Casa Consistorial de Montederramo, escoitamos como Paco Pestana, o sempre orixinal escultor lugués de Castroverde, obsequiaba a compañía con esta bonitura: “Mira que Concello máis humilde; é máis grande o reloxio que a casa”. Escoitámolo Diego Bernal –outrora bo alumno e hoxe bo amigo– e mais eu, que, como Pestana e moita outra xente, acababamos de asistir, no fermoso Mosteiro de Santa María de Montederramo, á entrega dos premios da Cultura Galega, evento do que xa deu noticia o noso Diario de onte. Durante anos, por unhas ou outras razóns, sentinme na obriga, que non obrigado, a acudir a multitude de actos de carácter máis ou menos social, onde vivín sensacións e/ou estados de ánimo do máis variado: aprendín cousas, conversei con vellas amizades, coñecín xente interesante, paseino ben, aborrecín sobremaneira... En calquera caso, case sempre saín co convencemento de que a asistencia a eses actos fora positiva. Non obstante, nos últimos anos, sen que mediase ningunha motivación particular, restrinxín significativamente a miña presenza nese tipo de actividades. Indicar ao respecto que antonte foi a segunda vez que asistía á entrega destes premios culturais. Tomei a decisión de acudir cando tiven noticia de que se lle concedera a Xosé María Álvarez Cáccamo, escritor ao que admiro, tanto pola alta calidade da súa poesía, como pola súa decidida actitude reivindicativa. Dicir sempre sen ambaxes o que hai que dicir. Logo souben de que tamén foran premiados outros dous vellos colegas e amigos, Ramón Villares e Antón Santamarina, o que supuxo un aliciente máis para achegarme a Montederramo, que non está, precisamente, á volta da esquina. Así mesmo, entendo que o resto das persoas e colectivos galardoados eran máis que dignos merecedores desa distinción: Luz Darriba, O Sorriso de Daniel, o Festival de Cans, A Roda, O Festival Internacional Outono de Teatro. A brevidade das intervencións, tanto as das autoridades, como as de cada un dos premiados fixo que se sentise menos a friaxe do día. As intervencións musicais e a beleza do retábulo e do conxunto todo da igrexa renacentista, onde se desenvolveu o acto, axudaron tamén a mitigar os efectos invernais. Diego e mais eu voltamos satisfeitos da vivencia e falando do Brasil de Bolsonaro, onde exerce de profesor na Universidade de Viçosa, Minas Gerais.

Premios

Te puede interesar