Premios culturais

alia que o final da miña séptima década vital está próximo, o organismo, afortunadamente, aínda me permite meterlle ao corpo un ida e volta de algo máis de 300 quilómetros de conducción nunha tarde e así, o pasado martes, puiden estar no García Barbón vigués na entrega dos Premios da Cultura Galega 2019. Un dos meus amigos máis queridos, Xesús Alonso Montero, fora galardoado co Premio das Letras e non podía estar ausente. 
E aquí, sen máis preámbulos, debo dicir xa que o admirado profesor nos obsequiou cunha brillante e irreprochable peza oratoria desas que deberían quedar nos arquivos sonoros para uso e disfrute de quen non puido vivir o momento. 
Que envexables 91 anos! Sabemos que somos ananos sobre hombros de xigantes que nos precederon e o doutor Alonso quixo dedicar o seu premio a tres deses seus xigantes, a tres persoas que, como dixo, o marcaron profundamente en diferentes etapas da súa vida: Isaac Díaz Pardo, o señor Petouto e Camilo de Dios, citados na orde en que se referiu a eles. Non coñecín o señor Petouto, o canteiro do Ribeiro do Miño que lle ensinou que no mundo non debería haber pobres, mais si coñecín as outras dúas personaxes e concordo totalmente coas virtudes que lles apuxo e coas peticións de telos vivos na historia que fixo. Isto, per se, ademais de felicitar e abrazar o amigo, abondaría para xustificar a viaxe e volver encantado. 
Mais tamén me alegrou moito poder lles dar os parabéns a Pilar Ponte Patiño, exalumna benquerida, premio de Lingua, e a Soledad Penalta, premio de Artes Plásticas, amiga de anos.
Penso, ademais, que o resto dos premios –en maior ou menor medida, que isto é sempre discutible– son xustos e merecidos: Os Monicreques de Kukas (Artes Escénicas); Amancio Prada (Música); a serie televisiva O sabor das Margaridas (Audiovisual); a restauración do Pórtico da Gloria Patrimonio Cultural) e o Galego en Londres, do Instituto Español Vicente Cañada Blanch (Proxección Exterior).
Quen me coñece sabe que non son, precisamente, defensor da Xunta de Galicia gobernada polo PP, mais iso non me impide manifestar con claridade que na concesión destes premios non albisco sectarismo de ningunha clase. Xa gustaría de que noutras esferas políticas e culturais se obrase da mesma maneira.
O acto, moi axilmente levado por Manuel Manquiña, contou tamén con algunhas actuacións, entre elas unha, ben interesante, de homenaxe á movida viguesa protagonizada por Antón Reixa, Manolo Romón e Julián Hernández. O que me chamou a atención é que, cando se falou de Rompente, non se citase para nada Alfonso Pexegueiro, un dos fundadores dese Grupo de Resistencia Poética.

Premios culturais

Te puede interesar