Pregóns

En mañá de sol radiante e un abafante calor que máis pedía baño, sombra e bebida fresca que outra cousa, achegueime o pasado domingo ao Paseo Marítimo de Xuvia, esa ribeira, onde o río se vai facendo mar, que me viu nadar e mesmo chimpar desde a vella ponte en anos adolescentes. Había que estar na festa, nada menos que a trixésima Festa do Pan de Neda, pregoada nesta ocasión por Vicente Araguas -quen mellor para facelo?, queridísimo amigo desde os nosos primeiros anos e diso van aló sesenta e tal. A xornada era, ademais, propicia para atopar, como así foi, boas e vellas amizades e mais para reencontrarme coas raigañas. Que no remate de contas veño sendo dos Dobarro e dos Lodeiro de Santa María de Neda. Aínda hai pouco que a miña curmá Fernanda Dobarro me informou de que o noso tataravó Antonio Lodeiro era o autor da imaxe do Neno Xesús da parroquial de Santa María, o coñecido como patrón do catecismo.
E que dicir do pregón? Créanme se lles digo que me pareceu unha magnífica peza de oratoria. E créanme, así mesmo, se digo que non o fago, en absoluto -que nunca gustei de peloteo de ningunha caste- pola amical irmandade que me une ao pregoeiro. Ben escrito e ben exposto, pleno de paixón, de amor, de agradecemento, de lembranzas, de anécdotas, de optimismo... todo ben aderezado cunha boa dose de elegante humor, ese que obriga a debuxar sorrisos. E atinado en tempo, con esa precisa brevidade que fai as cousas mellores, que recomendaba Gracián. Un auténtico deleite, en suma.
Cando estaba para marchar atopei un amigo nedense que tiña previsto marchar en breve. “Teño que ir mercar o pan a Narón”, dixo. Perante a miña expresión de sorpresa, engadiu: “É que nunca gustei do de Neda”.
Despedinme e mentres atravesaba o Xuvia pola ponte peonil, escoitando Los Zares, lembreime dunha anécdota que me contou hai ben anos un amigo betanceiro. A comezos dos anos cincuenta do pasado século convidaran o excelso escritor mindoniense a pronunciar o pregón dos Xogos Florais. No seu discurso louvou, como non, o viño de Betanzos, o “agudelo meigo”, como lle chamou. Acabado o acto organizouse unha pequena comitiva para tomar uns viños pola sempre fermosa vila mariñán e cal non seria a sorpresa dos acompañantes do escritor cando este non pediu o viño que acababa de magnificar. “O que dixen era literatura e agora quero beber viño”, aclarou o mindoniense. Así era.
Mais a relación de Cunqueiro co viño de Betanzos non é, precisamente, a de Vicente Araguas co pan de Neda. Téñoo visto comelo coa máxima deleitación, como tamén empanada ou bola de ovos. O seu pregón non foi só literatura. 
 

Pregóns

Te puede interesar