Pregón

Estiven antonte na Praza de España nos actos de arranque das festas de Ferrol. Dado que a banda Fangoria non encaixa, precisamente, nas propostas musicais das que máis gusto, non foi a súa actuación o que me levou á miña querida cidade de nación. 

Con todo, e máxime estando comodamente instalado nas proximidades do palco e non tendo mellor cousa que facer, parvo sería se non quedase a presenciar algo -catro ou cinco cancións- do concerto. Porque é indubidable que Fangoria -aí está Nacho Canut- ten bastante que ver con aquelas Kaka de Lux, Alaska y los Pegamoides ou Alaska y Dinarama, ás que seguín intermitentemente -non son da miña época moza-, principalmente pola, ao meu xuízo, interesante figura de Carlos Berlanga, morto, casualmente, o mesmo día que De Dee Ramone. 

De cando en vez aínda lle boto un ollo a algúns dos vídeos que circulan pola rede onde aparece cunha desas posturas escénicas -abrigo incluído- de actitude indiferente, como de displicencia, das que sempre gustei. Nunca vira o grupo en directo e quedei sorprendido do que conectaba con parte do auditorio. Había xente que debeu acabar exhausta de brincar e cantar con tanto ardor. Paseino ben mirando e escoitando.

Mais, como dixen, o que me levou á Praza de España foi o pregón. Algunha vez, cousa moi rara, teño escoitado un pregón de festas, mais nunca escoitara ningún na miña cidade. Fois así, que cando lin, nas páxinas deste noso xornal, que este ano ía ser pregoeiro Pepe Criado, en representación do Racing que preside, pensei que algunha vez tiña que ser a primeira e que a mellor ocasión de facelo era escoitando un bo e querido amigo de vello: compañeiro de aula en varios cursos do bacharelato; de cuarto de pensión compostelá; de piso estudantil na propia Santiago... e, mesmo, nos últimos anos, de animados e moi gratos xantares bianuais en casa Rivera. Había que escoitar Pepe. 

Chamoume a atención o seu nerviosismo, sobre todo porque é un profundo coñecedor do que nos tiña que contar e que nos deixou claro: a grandeza do Racing nos seus cen anos de historia. 
Tróuxome á cabeza moitos recordos desa historia. Síntome identificado co que dixo do Racing así como coa louvanza que fixo da cidade e das súas potencialidades e posibilidades presentes e futuras. Moi ben tirado todo.

Sabía sobradamente quen é Marián Bañobre, mais nunca me cadrara vela. Desfrutei escoitando a súa intervención e subscibo punto por punto os seus dez desexos.

Xa sei o que é un pregón en Ferrol e desexo que as festas que tan ben comezaron acaben, se for posible, mellor.

Pregón

Te puede interesar