Martes 20.11.2018

Predicar tamén co exemplo

Hai tres ou catro días escoitaba en Radio Coruña a colaboración

Hai tres ou catro días escoitaba en Radio Coruña a colaboración de Obdulia Taboadela, colega da Universidade que, en tempos da presidencia de Rodríguez Zapatero, foi subdelegada do Goberno da nosa provincia. Falaba do aumento do número de accidentes de circulación e botáballe a culpa ás distraccións por uso do móbil, á velocidade inadecuada ou ao consumo de drogas e/ou alcohol. É innegable que todos eles son factores que inflúen dun xeito significativo en moitos dos incidentes circulatorios que se producen, mais non son os únicos. Casualmente escoitaba todo isto conducindo pola estrada do Burgo á Coruña en noitiña chuviñenta. Cando tiven que facer a rotonda da intersección coa nacional VI, malia que o meu auto ten faros de xenón, non vía apenas por onde ía, xa que o pintado da calzada é inexistente, tal cal. E preguntábame, como tantas veces fago, se non será tamén esa do abandono na conservación das estradas unha causa máis dos accidentes? Seguro, mais escóitase falar moi pouco dela, dado que aí non hai máis culpable que as propias administracións que, por outros motivos, se encargan de culpabilizar e sancionar.

Predicar tamén co exemplo
Comentarios