Portugal

Mentres percorría demorada e relaxadamente terras portuguesas de Tras-os-montes e a Beira, escoitei a noticia de que España decidira expulsar dous agregados da Embaixada rusa de Madrid como consecuencia do envelenamento cun produto neurotóxico do exespía Serguéi Skripal e da súa filla na localidade inglesa de Salisbury. A xuízo do Ministerio de Exteriores é este un caso de extrema gravidade, xa que representa unha seria ameaza para a nosa seguridade e para o dereito internacional. Como era de esperar, case acto seguido, Rusia fixo o mesmo e decidiu expulsar dous membros da Embaixada española en Moscú en protesta polas medidas non amigables tomadas contra ela. En fin. O máis curioso de todo isto é que aínda non está claro que o goberno ruso tivese calquera tipo de implicación no envelenamento do seu exespía. E que fará Portugal, pensei? Entendía que se a cousa era tan grave como a pintaban as autoridades españolas, como non fixeran nada as autoridades portuguesas. Un par de días despois, o mércores, apareceu a noticia de que o goberno portugués decidira non expulsar a ningún diplomático ruso, alegando que non podía arriscarse a ter que desmantelar a súa Embaixada moscovita se os rusos tomaban -como así fixeron- medidas similares de expulsión de diplomáticos. Marcelo Rebelo de Sousa, o presidente conservador, entendeu que a decisión do goberno do PS de chamar a consulta a Lisboa o embaixador en Moscú xa supuña unha forma de aviso ao goberno ruso. Como, ademais, dixo o ministro de Negocios Estranxeiros, Portugal condenou inmediatamente o atentado de Salisbury e “expressou com veemência a sua solidariedade com o Reino Unido”.  A dereita –que deixou o país case como un solar– mostrou a súa desconformidade coa medida e mesmo acusou o goberno do PS de estar atado polo Bloco de Esquerdas e polo Partido Comunista. Esquecerían que cando gobernaron os seus, con Passos Coelho á fronte, Portugal seguiu a ter as mesmas moi boas relacións con Rusia que se iniciaran co goberno socialista do defenestrado Sócrates? Non parece probable, mais diso nada dixeron os seus dirixentes. Cousa normal. Na miña modesta opinión, a postura de botarse de cheo nos brazos do imperio americano cada vez que este ten ou inventa calquera problema non semella moi acorde coas patrióticas mensaxes de soberanía nacional que a miúdo nos envían os nosos dirixentes. Velaí Portugal.
 

Portugal

Te puede interesar