Pintan bastos

Durante un bo número de anos tiven o costume de escoitar a radio e quedar dormido con ela. Escoitaba Hora 25 deportiva, tanto porque había días en que me interesaban os temas tratados, como porque case nunca me requería prestarlle excesiva atención. Do que se trataba era de ir entrando pouco a pouco no máis apacible dos sonos. E afíxenme a quedar durmido coa voz, para nada prácida e envolvente, de José María García. Tanto era así que cando este tivo que marchar da SER, polas desavenencias co ministro Pío Cabanillas, recordo que botei uns días sen poder conciliar o sono tan ben como antes. Falo en serio. Rarezas da mente humana. Ou miñas. Mais, ao pouco, apareceu, en Antena 3 Radio, Supergarcía en la Hora Cero, con aquel “Lovesong” de Simpleminds como música de fondo na presentación do programa.
E volvín dormir escoitando ese programa ata o 6 de marzo de 1986. Desde ese momento nunca máis o escoitei. Esa noite, José María García aproveitara a súa presenza, para falar de deportes, nun programa da TVE que dirixía Mercedes Milá para pedir o SI no referendo sobre a permanencia na OTAN que se ía celebrar a seguinte semana. Lembro ben a data porque o programa da Milá se chamaba “De jueves a jueves” e o referendo ía ter lugar o mércores 12. Infausta noite esa da derrota. Porque, seguireimo preguntando sempre, que gañamos nós, a xente do común, pertencendo a esta organización militar? De quen nos vai defender? A intervención de García falou ás claras dos ocultos intereses que se agachaban detrás daquela petición do SI, pedida polo goberno de Felipe González ao que o popular comentarista deportivo non lle tiña a máis mínima das simpatías. Mais, malia todos eses apoios, o SI só conseguiu o 52,5% dos votantes e, o que é pior, apenas 9 millóns dun censo de 29. Non serve de nada, pero convén non esquecelo. A propaganda a favor do SI, non o perdamos de vista, baseábase en que a participación de España na Alianza Atlántica no incluía a súa incorporación á estructura militar integrada, aspecto nada menor que logo se encargaría de incumprir José María Aznar.
Mais hai un par de días García volveu á miña vida. Inesperadamente, batín cunha entrevista de hai uns anos na que, textualmente, declaraba que “después de Franco, el mayor dictador sobre la prensa española ha sido José Mª Aznar”. Niso habería que pensar nestes momentos de continuos movementos da gran dereita por se facer a toda presa co poder. Ollo ao piollo.
 

Pintan bastos

Te puede interesar