Peña Novo toma posesión como concelleiro 2 (L)

Acababa a miña anterior entrega dando conta de que, finalmente, tres meses despois de se ter constituído a nova corporación coruñesa, Peña Novo conseguía tomar posesión do cargo de concelleiro para o que fora elixido nas urnas. Así o decidira o ministerio da Gobernación mediante unha Real orde que revocara o fallo da Comisión provincial coruñesa que decidira a realización de novas eleccións para ocupar ese posto.
O asunto de que a Comisión provincial decidira aceptar a reclamación presentada polo candidato monárquico Súarez González, como vimos, deu que falar nos diarios locais, mais non así no voceiro nacionalista. Desde o reconto dos votos e a proclamación provisional de candidatos electos, da que, o 10 de febreiro, A Nosa Terra se fixera eco da elección de Peña Novo na súa portada con aquel “O nazonalismo galego trunfal”, pouca atención lle prestou ao estado da cuestión ata a resolución definitiva. Só dedicou unhas liñas da sección “Peneirando”, de 25 de febreiro, dedicadas a descalificar ao candidato derrotado e reclamante polo contido do escrito que remitira á prensa:
“O Sr. Suárez González, exmaurista -xa se conece polo estilo cursi e enrevesado-que agora chámase independiente, sendo dependiente d’un plutocrático romanonista, despois d’escribir con letra mayúscula Progreso, Ciudadanía, etc., dixo nún artigo qu’él aspiraba a facer libertos ôs eleitores do terceiro distrito.
¡Conque libertos! Este é un aldraxe, perdoable pol-a inconscencia que o ditou. ¡Ai, Sr. Suárez e vosté é letrado?
Libertos, nos tempos de Roma, eran os escravos que facían loubatoria.
Prode liberto a libre inda iña distancia.
E vosté quere facer libertos ôs escravos do terceiro distrito... ¡Acabouse o carbón!
Pois nosoutros, querémolos libres. E xa probaron qu’eran libres ô desbotalo a vosté que merecería suspenso en direito romano e en Gramática castelana e tamén en ‘Economía’ por que, según din, ceibando cartos non’o fixo mal”. Mais a partir de aí, como dixen, silencio total.
Mesmo chama a atención -máxime cando estreara a súa comedia, en prosa e nun acto, Antón o casamenteiro no local da Irmandade coruñesa en marzo de 1920, evento do que dera conta puntual A Nosa Terra- que o boletín irmandiño nada dixera da elección como concelleiro en Vigo de Avelino Rodríguez Elías ata despois da toma de posesión das corporacións municipais, o 1º de abril. Na sección “Peneirando” do número de 10 de abril recollía este texto: “No concello de Vigo, temos xa un edil galeguista: o notabre poeta Avelino Rodríguez Elías.
Non é soio a Cruña, irmáns”. Silénciase o feito de que Peña Novo, froito da reclamación non resolta, ficara sen poder tomar posesión. Rodríguez Elías, axiña mostrou que chegaba ao concello vigués con ánimos galeguizadores. A Nosa Terra reflícteo na súa sección de “Novas da causa do 25 de xullo:
“A pregos do concellal galeguista de Vigo, o notable escritor Avelino Rodríguez Elías. o Concello d’aquela cidade acordou darlles o nome de ‘Martín Códax’, ‘Os Irmandiños’ e ‘Alfredo Brañas’ a tres ruas d’alí.
Ainda que paseniñamente, a galeguización faise camiño”.
Mentres a toma de posesión de Peña Novo non se producía a Irmandade coruñesa afrontou con normalidade absoluta a renovación de cargos directivos que lle correspondía por estatutos. A Nosa Terra, de 15 de xuño, daba conta da composición do novo e nutrido  “Consello direitivo”, que quedara formado por: Xohán Vicente Viqueira, como Conselleiro 1º; Federico Zamora, como Conselleiro 2º; Fernando Blanco, como secretario; Benito Ferreiro, como vice; Antón García Xil, como tesoureiro; Carlos Monasterio, como contador; Xulio Segrera, como bibliotecario e Xenaro Moreda, Alfredo Somoza, Florencio García, Manoel Area e Xosé Bermúdez. Peña Novo deixaba de ocupar cargos internos.Uns cantos días despois, a primeira plana do número de 15 de xullo de 1920 d’A Nosa Terra era de abondo elocuente para amosar a satisfacción que producira no seo das Irmandades a resolución definitiva da concellalía da cidade favorable a Peña Novo. Nada menos que “Aturuxo trunfal” é o titular co que dan a nova de que “Os nazonalistas da Cruña fanlle sofrir a primeira derrota ós caciques provinciaes”, que o que manifesta o subtítulo. A noticia di:
“Facendo unha grande inxusticia, una das suas noxentas cacicadas ruralescas a Comisión provincial da Cruña (dina de ter como segredario e cabezoleiro a Viturro) non sabemos se por indicación sólo dos seus amos ou pol-a d’algús santós democratísimos tamén, que contn pol-o seu orgo xornalístico ‘A Voz de Galicia’, anularon a aita de concellal do noso irmán Peña Novo.
Más en Madrí, contra d’os caciques da Comisión provincial noxenta, contra dos santós democratísimos, republicanos da marqués do Espliego, o noso candidato nazonalista trunfante, o primeiro concellal nazonalista da Patria que aquéles puxeron rexo empeño en afogare, foi reconecido en xusticia.
¡Eís a primeira grande derrota do caciquismo provincial. Un novo trunfo grorioso das Irmandades... O nazonalismo galego sempre indo pra riba... ¡Adiante, pol-a libertade da patria galega!”.
Era o 7 de xullo, a dúas semanas, do 25 de xullo, data que a II Asemblea Nacionalista, celebrada en Compostela o ano anterior, como vimos, acordara fixar para celebrar cada ano o Día de Galicia. A portada d’A Nosa Terra, aparecida nese primeiro Día de Galicia, reproducía unha folla de calendario coa data do 7 de xullo de 1920 acompañada destas palabras que daban conta da relevancia do día:
 “Dende a perda das nosas libertades non se tiña falado na lingua patria de xeito oficial até esta data, na que posesionóuse do cárrego de concellal cruñés Lois Peña Novo, o primeiro edil nazonalista galego”.
Días antes, tal como informaba a sección “Novas da causa” do propio 25 de xullo, o concelleiro por fin electo fora obsequiado cun xantar polos seus irmáns nacionalistas:
“Por ter trunfado como concellal, agasallóuse c’un xantar no ‘Hotel Londres’ da Cruña ô noso querido irmán Lois Pena Novo.
Oferceu o xantar de xeito sinxeo e cordial Carlos Monasterio. Logo falaron Cabanillas, Bermúdez, Moreda e Vilar Ponte.
Derradeiramente, dou gracias pol-o agasallo nun curto e elocuente brindis o anfitrión.Finou o xantar c’o berro ¡Terra a Nosa!”. . l

Peña Novo toma posesión como concelleiro 2 (L)

Te puede interesar