lunes 18.11.2019

Paula Rego

omo xa teño referido nalgunha ocasión, descubrín Braga nos tres meses de comezos de 2017 en que morei nela. Antes, sobre todo nas décadas dos 70 e 80, visitáraa unhas cantas veces –case sempre con obrigada parada en Barcelos, para mercar algunhas louzas de Rosa ou Júlia Ramalho, Mistério...– e nunca lle collera ese puntiño que, sen dúbida, todos os lugares adoitan ter e deixei de ir. Semellábame unha urbe ancorada no pasado e moi dominada polo clero. Comezando pola Sé, que acolle as tumbas dos condes Henrique de Borgonha e Teresa de León, pais de don Afonso Henriques, o primeiro rei de Portugal, seguindo co seu elevado número de igrexas per capita  –é capaz de ser o maior da Península Ibérica–, santuario do Bom Jesus incluído, e acabando co seu Centro Regional da Universidade Católica Portuguesa.
A progresiva expansión da Universidade do Minho deulle outra vida que era a que eu descoñecía ata hai pouco. Compraceume tanto aquela estancia que desde entón estiven tantas ou máis veces en Braga que en todos os anos anteriores. 
A última foi a semana pasada. Como en media hora, ou menos, podes achegarte a Barcelos, Famalicão, Guimarães, Esposende, Vila do Conde, Póvoa de Varzim, Ponte de Lima... e nun chisquiño máis ao Porto, habitualmente levo previsto un desprazamento a un deses lugares. 
Desta volta foi a capital do Douro o destino escollido. Por unha ou outra razón (porque chovía, porque ía moito calor, por falta de tempo...) fun adiando unha visita á Fundação Serralves, e iso que está a cumprir os 30 anos. Aínda que para o día de defuntos non daban bo tempo, tampouco anunciaban auga permanente, decidín arriscarme e ir aló, aproveitando a bonanza da temperatura. 
Días antes, o 24 de outubro, inaugurárase “Paula Rego. O Grito da Imaginação”, unha ampla exposición monográfica –con obra de case seis décadas– da extraordinaria artista portuguesa que non quería perder. Vai estar visible ata o comezos de marzo, mais xa se sabe traballo feito non corre présa. 
E fixen ben. Todo un goce para os sentidos, exposto no incomparable marco da casa Art-Decó que mandou construír o conde de Vizela nos anos 20. Se teñen ocasión dean unha volta polo Porto e vaian visitar esta exposición desfrutando, ademais, dos xardíns e do conxunto da Fundação Serralves. Seguro que mo agradecerán.    

Paula Rego
Comentarios