Patriotas

Penso que acerto, ou erro pouco, se digo que todo o mundo que toma parte en calquera tipo de competición deportiva quere gañar. Non coñecín ninguén que participase para perder e menos aínda se se trata de profesionais. Os ingresos adoitan ir parellos ás vitorias e o monetario é tan importante como o deportivo, se non é máis. Como non son nada patriota, nunca entendín os nacionalismos deportivos; nin o dos competidores, nin o dos espectadores. Tampouco, naturalmente, o dos informadores ou opinantes. Porque, mírese por onde se mire, no remate de contas, todo acaba nos cartos. E velaí o tema Lopetegui. Repentinamente, ficha polo Real Madrid e rompe o contrato coa selección que acababa de renovar hai moi escasas semanas. Velaí o patriotismo; tanto do adestrador como do club que o contrata. E despois disto aínda haberá quen siga asubiando e criticando Piqué por suposta falta de compromiso coa selección. Sorprendente. Lembran cando hai pouco máis dun ano, despois dun Francia-España, o central declarou que non gustaba dos valores que transmitía o Real Madrid?  Pois, visto o visto, parece que levaba razón. 

Patriotas

Te puede interesar