sábado 24.08.2019

Isabel Coixet en Betanzos

Pasei parte da semana vendo cine e escoitando falar del. Despois de moitos anos ausente, sen poder asistir por unhas ou otras ocupacións, nestes días pasados puiden acudir aos actos da Semana Internacional de Cine de Betanzos, que nesta súa décimo novena edición premiou a directora catalá Isabel Coixet, que estivo presente na xornada do xoves para recibir o galardón -unha elegante peza deseñada por Andrea Rodríguez- de mans da alcaldesa María Barral. Cómpre lembrar que esta Semana de Cine de Betanzos comezou, cun formato diferente do actual, aló polo ano 1998 –daquela tamén puidera estar presente–, cun xusto homenaxe a Ricardo Núñez, o coñecido e recoñecido actor betanceiro que comezara co cine mudo. Hai, pois, vinte e un anos disto. Xa que logo, de non ter sido polos tres anos que, por motivos que estimo que agora non veñen ao caso, estivo sen celebrarse, estariamos a falar da vixésimo segunda edición. Unha lonxevidade, en calquera caso, que non é moi común por estes nosos lares. É por iso que entendo que non está de máis recoñecer o labor tanto do profesor Chema Paz Gago –catedrático de Teoría da Literatura da UDC–, que o botou a andar e o dirixiu cada ano, como do Concello de Betanzos que o acolle co maior interese. Nos cinco días que durou esta XIX Semana de Cine de Betanzos, baixo o título “Isabel Coixet: un cine comprometido”, puidemos escoitar a catro destacadas voces relacionadas co mundo da escrita e do cinema, que fixeron a presentación de catro das obras de Isabel Coixet presentadas. O crítico cinematográfico e narrador Miguel Anxo Fernández ocupouse de La vida secreta de las palabras. Maria Donapetry, profesora da Universidade de Oxford, encargouse de Elegy. De La librería falou Xesús Fraga, xornalista, escritor e tradutor. Manolo Rivas, xornalista, narrador e, para min, sempre, excelso poeta fixo o propio co filme documental Escuchando al juez Garzón. Na retrospectiva, da que a propia Isabel Coixet recoñeceu o traballo da organización xa que nunca lle fixeran unha así, recuperando a súa obra case completa, puidéronse ver filmes pouco coñecidos. En definitiva, unha excelente homenaxe a unha cineasta realmente comprometida –que ese innegable compromiso poida gustar máis ou menos é outro cantar–, celebrada nese incomparable marco que é Betanzos e no ámbito do restaurado cine Alfonsetti. un auténtico luxo do que, non podo menos que dicilo, gocei amplamente. Beizóns a quen o fixo posible.

Laicidad y laicismo

Isabel Coixet en Betanzos
Comentarios