Palabras cruzadas

Desde adolescente son dado a facer os pasatempos que adoitan traer os xornais. É un costume que herdei de miña mai, que os facía diariamente. Ela gustaba moito dos xeroglíficos, que a min nunca se me deron moi ben. En calquera caso, ese non é o motivo de que as miñas preferencias vaian máis polas palabras cruzadas e os sudokus. Case que todos os días me poño con cinco pasatempos dos que trae o noso Diario: crucigrama, autodefinido, sumando e dous sudokus, que acostumo resolver. Como un destes últimos é moi simple, decidín facelo no tempo máximo de tres minutos, aínda que case sempre me chega con dous. Os crucigramas, ademais de para facer exercicio mental e estimular a atención, sempre me serviron para aprender e/ou reforzar vocabulario. Non obstante, con frecuencia atopo neles definicións ou solucións que, cando menos, me semellan pouco ortodoxas. Ou que están mal, vaia. Outras o equivocado era eu. Un destes casos é o que me levou a escribir estas liñas. Desde hai xa un tempiño, en crucigramas de todos os xornais que leo, atopo con frecuencia a palabra “ananá”, definida como “piña americana”, “variante de piña” ou similares. Por que non poñer planta tropical, como se fai con “abaca”, que, por outro lado, tamén podería ocupar eses recadros? O meu primeiro contacto coa palabra “ananás” foi en Portugal para designar o que eu de sempre chamara “piña”. Os portugueses adaptárano do tupí, unha das linguas amerindias do territorio do Brasil, e desde aí pasou a outras linguas. A xente, pois, comía ananás e bebía zumes de ananás. Xa que logo, ananás, non é unha variedade, senón a piña mesma. Andando nestas fun mirar os dicionarios.
Detectei que na edición que teño do da Real Academia Española, a de 1970, na segunda acepción da voz “piña” atopamos “Ananás, planta”, sen facer referencia ao froito. Ben diferente é o que atopamos na última actualización, de 2018, do Diccionario académico en rede. Na segunda acepción de “piña” xa só aparece “ananás” para clicar nela e saber o que é: a planta e mais fruto. Mais, esta subordinación de “piña” a “ananás”, non obstante, non motivou cambios nos nomes dos produtos do mercado. Nas tendas vexo envases de “zumo de piña” e algunha da nosa xente bebe vodka con piña e non con ananás.
Como curiosidade, apuntar que no Dicionario de dicionarios do galego, que abarca obras lexicográficas de 1745 a 1992, non se rexistra a palabra ananás.

Palabras cruzadas

Te puede interesar