Os prezos da morte

Tamén en Portugal, onde me atopaba, mudou o costume de celebrar o día dos defuntos na data real trasladándoa para o día anterior, que alí tamén é feriado ou festivo. Esas cuestións económicas que acaban alterándoo todo. Sabido é que no veciño país, como entre nós, a Igrexa católica segue a ter forte influencia na vida de moita xente e mesmo nas estruturas do poder. Cada vez, e afortunadamente, menos, pero aínda lle chega ben. É por iso que a pesar de que, como puiden ler na prensa, concretamente no Jornal de Notícias do pasado día 1, nas principais cidades, Porto, Lisboa ou Braga, malia que ao redor da metade dos funerais xa se fan con cremación, continúa a ser moi elevada a demanda de túmulos funerarios nos cemiterios, o que se traduce, loxicamente, nun aumento dos prezos. Tanto é así que no Porto, por un xacigo para 14 corpos, xa chegaron a pedir máis de 100 mil euros, o prezo dun estudio, se ben esa cantidade non é o normal. Con todo, os prezos máis comúns atopados en internet andan polos 30 ou 40 mil, dependendo de tamaño, lugar..., o que non deixa de ser un certo diñeiral. Mais nesta fase de salvaxe e inmisericorde capitalismo preñado de estupideces sen fin a todo se pode chegar e esas cantidades en nada poderán parecer ridículas. En fin. A falta e demanda de lugares de enterramento débese en boa medida a que moita da xente que opta pola cremación, malia que en Portugal desde hai xa vinte anos a lei permite que os familiares poidan gardas as cinzas da cremación nas casas ou dispersalas onde desexaren, prefiren seguir os ditados da Igrexa. É sabido que hai dous anos o Papa abenzoou a recomendación da Congregación para a Doutrina da Fé de invocar a antiga tradición cristiá de conservar os restos dos defuntos en lugar sagrado, xa nun cemiterio xa nunha igrexa. Vedáballes aos fieis a posibilidade legal de manter as cinzas na casa, de dividilas entre a familia ou utilizalas como recordo en pezas de xoiaría ou similares. E xa non digamos a de esparexelas no ar, na auga ou na terra. Nada de  equívocos de tipo naturalista, panteísta, nihilista... Admítíase a cremación, mais non que as cinzas puidesen caer no esquecemento ou na falta de respecto. Depositalas en sagrado e punto, sen importar que en Braga, por exemplo, na última poxa de sepulturas que houbo, en maio deste ano, a oferta fose de 20 sepulturas para 60 demandantes, co que se adxudicaron entre os 6.000 e os 39.000 euros. Para todos os públicos, vaia.
 

Os prezos da morte

Te puede interesar