O cumprimento da lei

a fin de semana pasada, un compromiso adquirido con meu neto, levounos a Madrid. Aló fumos de carro, dispostos, ademais, a dar conta polo camiño dunhas doses dese suculento leitón que preparan en Arévalo. Reservamos mesa no restaurante Asador Las Cubas, acolledor sitio que xa coñecía de viaxes anteriores, e, como adoita ser habitual, saímos do máis satisfeitos, agardando volver. Cando xa nos achegabamos a Madrid veume á cabeza ir pendente das avenidas de la Victoria e Padre Huidobro, ás que me referín hai pouco nesta columna dominical. Mais finalmente, como iamos a un hotel da rúa Alcalá, xa na zona de Canillejas, non chegamos ata alí, pois antes apañamos a M-40. Xa en Madrid, quedamos para tomar algo con Vicente Araguas, que, como lembrará quen teña lido o artigo no que citaba esas dúas vías madrileñas con nomes franquistas, é quen padece o tránsito frecuente por elas, no autobús que o conduce á Complutense para impartir aulas na súa Universidade Senior. E o que son as cousas, no transcurso da conversa sacou o tema, lembrándome que tiña que comentar o da Victoria e o do Padre Huidobro.
Quedei, pois, emprazado a rematar ese tema e aquí estou niso. Sobre a Avenida de la Victoria, creo que non hai moito que falar, que todo o mundo é consciente da vitoria á que se refire, e que non é outra que a do exército sublevado encabezado por Franco sobre o do goberno republicano lexítimo. Non acredito en que a alguén se lle ocorra pensar que está dedicada á vitoria en célebres batallas como a de Lepanto ou na de Bailén, que, por outra parte, teñen cadansúas rúas.
Outra cousa é a do Padre Huidobro. Está adicada á memoria dun xesuíta que marchara de España a comezos de 1932, após do decreto de disolución da Compañía da Xesús, froito da entrada en vigor da Constitución de 1931. Cando se produciu a sublevación militar atopábase en Bélxica e axiña matinou regresar a España. Conseguiu o permiso para facelo a finais de agosto de 1936 e xa en setembro formaba parte, como capelán, da 4ª Bandeira da Lexión, que, desde Talavera, avanzaba cara a Madrid. Dise que co seu mono azul e un crucifixo no peito sempre aparecía en primeira liña, ata que o atopou a morte o 11 de abril de 1937 na Cuesta de las Perdices, na zona onde está a avenida que leva o seu nome. A pregunta é: a presenza de calquera deses nomes non estará incumprindo a Lei?
 

O cumprimento da lei

Te puede interesar