O Barão de Itararé

Non hai moito caiu nas miñas mans un simpático libriño, A sobrancelha e o bigode do olho: uma autobiografia inventada do Barão de Itararé (2016), obra do escritor carioca Ivan Jaf, que, a xeito de monólogo, foi adaptada para o teatro e representada este mesmo ano polo actor Márcio Vito. Uns anos antes, en 2012, o xornalista Cláudio Figueiredo, publicara outra biografía co título Entre sem bater: a vida de Apparíci Torelly, o Barão de Itararé, que, se cadrar, lerei algún día, xa que a figura de Apparício Fernando de Brinkerhoff Torelly(1895-1972), o “Barão de Itararé”, paga a pena. Como deixou escrito, engadira o título de Barão de Itararé ao seu nome en decembro de 1930 “em homenagem à batalha que não houve”. Un pacto previo evitou o que ía ser un tremendo combate cando a Revolución de 1930, liderada por Getúlio Vargas, e de aí o nome.

Fillo de brasileiro e uruguaia nacera en Río Grande do Sul, perto da fronteira, entre os países dos pais. Comezou medicina na Universidade de Porto Alegre mais abandonou eses estudos para se dedicar ao xornalismo e a literatura. Xa divorciado e con tres fillos, en 1925 instalouse en Rio de Janeiro para traballar no xornal O Globo. De alí foi para o Correio da Manhã, onde escribía unha columna da primeira plana co pseudónimo Apporelly e logo fundou A Manha (14 maio 1926). Na década dos 30 foi membro activo do PCB e os constantes ataques ao governo levárono a prisón en 1932, á que regresaría en 1935, cando Getúlio Vargas perseguiu os comunistas após a tentativa de golpe, coñecida como “Intentona Comunista”, protagonizada por militares o 27 de novembro de 1935.

En 1945, co final da ditadura de Getúlio Vargas, foi elixido concelleiro polo PCB. Nesa altura foi colaborador da comunista Folha do Povo, xunto a grandes nomes da cultura brasileira como o poeta Drummond de Andrade, o pintor Di Cavalcanti ou o narrador Jorge Amado. Mais pronto, co inicio da Guerra Fria, os eleitos polo Partido Comunista foron cesados.

Co golpe militar de 1964 ficou descolocado e centrou a súa vida na vella obsesión dos estudos “científicos”, como os seus horóscopo biônicos e quadrados mágicos, ata que morreu en 1971. O Barão de Itararé deixou grande número de máximas tan interesantes como estas dúas: “Sábio é o homem que tem consciência da sua ignorância” e “Não é triste mudar de ideia. Triste é não ter ideia para mudar”, pero, para min, esta é, sen dúbida, a mellor: “Se há um idiota no poder, é porque os que o elegeram estão bem representados”.

O Barão de Itararé

Te puede interesar