Negocios

Escribo estas liñas antes de saber se se chegou a un acordo, ou non, na Comisión para a Reconstrución Social e Económica de España no relativo a onde se van destinar os 2.000 millóns de fondos destinados ao ensino. Nin que dicir ten que comparto totalmente a proposta do Goberno de destinalos integramente aos centros públicos de xestión directa, isto é, aos únicos que son realmente públicos, xa que os centros concertados non son outra cousa que centros privados subvencionados con fondos públicos.

Estes últimos meses, duros para todo o mundo en todos os aspectos, mírese por onde se mire, creo que evidenciaron algo que se sabía, pero que, por diversos motivos particulares, moita xente non quería ver, como é que hai determinados servizos que só poden funcionar minimamente ben estando directamente en mans dos poderes públicos. Porque aviados estariamos se houbese que agardar pola sanidade privada, a maior parte dela, por certo, vivindo en boa medida de concertos coas administracións. Tería graza que houbese que lle transferir diñeiros públicos a entidades sanitarias, cousa que, aínda que dito coa boca pequena, naturalmente, escoitei e lin nalgún que outro lugar.

Viuse claramente que ter unha boa sanidade é fundamental, como se viu tamén que esa só pode ser pública. Nos nosos lares xa houbo unha excelente sanidade que as políticas privatizadoras das dereitas -o PP en todo o Estado e o PNV e JxCat (e os seus nomes anteriores)- foron desmontando aos poucos ata poñeren en risco xa non o seu nivel senón tamén a súa propia continuidade. E os froitos desta nefasta política influíron, como non, negativamente no tratamento da pandemia que padecemos. Que, por desgraza, segue estando aí, diminuiu mais aínda non marchou.

E outro servizo fundamental é a educación, tamén sometida a sucesivos recortes de todo tipo en aras de potenciar o ensino privado pola vía das concertacións. Son uns cantos os millóns que o Estado destina anualmente ao sostemento deste tipo de ensino privado e que se foi incrementando ano tras ano, cando a tendencia debería ter sido a contraria, case en exclusiva nas comunidades gobernadas polas dereitas anteriormente citadas, o PP, o PNV e JxCat. Tanto é así que no País Vasco o número de estudantes da concertada-que non na privada de pago, os ricos son así- xa case iguala aos da pública e a Comunidade madrileña -aquí si hai máis privada, privada- non lle vai moito á zaga. Obviamente unha tremenda inxustiza. Porque cantos centros privados, con ou sen subvención, coñecen na zona rural? E xa non digamos nas chamadas zonas vaciadas. Diría que ningún. Onde están eses dereitos dos proxenitores e dos propios nenos e nenas deses territorios que alegan os defensores de lle seguir dando cartos á concertada? Obviamente, en ningures, proba máis que palpable de que o ensino concertado está porque é un negocio. Como a sanidade privada. E a min iso de facer cartos coas necesidades elementais da xente, sinceramente, repúgname.

Negocios

Te puede interesar