Money, money, money

ista a gravidade da situación sanitaria producida pola Covid-19 no ámbito mundial, con España entre as zonas máis afectadas, durante un tempo estiven convencido de que en bastantes meses ían estar suspendidas todas aquelas actividades onde, polo contacto físico, se agudizasen as situacións de risco de contaxios masivos. Entre elas, como non, as competicións deportivas. Reforzaba esa miña suposición o feito de que toda a xente que temos practicado algún deporte a nivel de competición, por cativa que esta for, sabemos que a presenza de público é inherente á mesma. É innegable que o rendemento de calquera deportista -amateur ou profesional- está afectado por diferentes circunstancias, unha delas, sen dubida, o número de espectadores presentes no lugar onde se celebra a actividade competitiva. Quen competiu sabe que a mente xoga un papel determinante no confrontamento deportivo e que esta non está motivada do mesmo xeito cando hai público que cando non o hai. Pensemos en deportes nos que, ademais da vitoria, tamén se busca bater marcas, establecer récords. Podemos imaxinar algún ou algunha atleta ou nadadora conseguindo as súas mellores marcas en adestramentos? Eu non coñezo casos e nunca escoitei falar de ningún, simplemente porque non os hai, porque non pode habelos, porque non son posibles sen a presenza de espectadores. A historia dinos que todas e todos os deportistas conseguiron os seus maiores rendementos diante de público. Por moito que os e as deportistas consigan abstraerse para se concentrar totalmente na actividade que van realizar -que, obviamente, se consegue- está demostrado que para render a tope precisan sentir o calor da xente. Dos espectadores in situ, non dos que puideren estalos vendo pola televisión.
Mais iso que eu pensaba e vía máis lóxico, que era a suspensión definitiva de todos os campionatos se non ía haber público, axiña quedou en nada. Había intereses maiores que a saúde dos deportistas e do persoal próximo deles. Os cartiños son os cartiños.
Desde que, hai máis de corenta anos, escoitei por vez primeira a “Rosalinda” de Fausto Bordalo teño en mente estes seus versos: “pois os que mandam no mundo / só vivem querendo ganhar / mesmo matando aquele / que morrendo vive a trabalhar”. Así mesmo é.
A Liga de Fútbol Profesional insistiu en reanudar canto antes as actividades, fosen estas como foren. E fórono sen espectadores, co que se deturparon e adulteraron as competicións, como desmostra a comparación de imaxes de partidos sen xente cos de verdade, cos que hai público. Moitas e moitos dos que amamos e seguimos o fútbol sentímonos estafados. Como era un sucedáneo, deixamos de velo. Estaba, ademais, o permanente perigo de contaxio. Dicían que todo estaba controlado e que non ía pasar nada. Ata que, como era previsible, pasou. Velaí o caso do Fuenlabrada, que a ver como acaba sanitariamente e xudicialmente, porque deportivamente peor non puido acabar. Onde quedou iso tan cacarexado do fair play?

Money, money, money

Te puede interesar