“Maruxa”

omo non podía ser doutra maneira, este mércores pasado deixei de lado as actividades que me ocupan nas tardes das cuartas feiras para poder asistir, na Sede Afundación, á presentación do libro O Carballo que fun en Ferrol / Aproximación a Ricardo Carvalho Calero, coordinado por Bernardo Máiz e publicado polo Club de Prensa de Ferrol.  Unha espléndida publicación para dignificar o ilustre catedrático e escritor ferrolán. 
Os meus afervoados parabéns, xa que logo, para ambos: a institución e o colega e amigo de seis décadas andadas. Á finalización do acto, xa no vestíbulo, na conversa dun pequeno grupo de xente saíu o tema da revista Maruxa e da posibilidade ou conveniencia de facer unha edición facsimilar da mesma, dado que nas súas páxinas foi onde don Ricardo deu á luz os seus tres primeiros poemas, dous en español e un en galego. 
Nos libros de conversas con Carvalho Calero realizados nos últimos anos da súa vida, o vocacional poeta lembraba o feito de ter sido nesa publicación periódica, que dirixira Vicente Beltrán, un curmán da súa mai, onde apareceran impresos os seus primeiros versos. 
“Eu tiña unha coleczón desa revista, da que non se publicaron máis alá, seguramente, de oito ou dez números, ou se cadra menos, e que sería mui curioso ver hoxe”, contáballes a Fernán-Vello e a Francisco Pillado, ao que engadía: “Se algunha vez dades con esta revista, podedes atribuir-me os textos que aparecen firmados por «Ilex»... Ilex é «aciñeiro» en latin e, en certo modo, é unha traduzón do meu apelido”. Hai ben anos, nunha conversa no Museo Carlos Maside, Guillermo Escrigas –amigo tamén desde a infancia– fíxome sabedor de que atopara unha colección da revista e, días máis tarde, facilitoume unha fotocopia, que moito lle agradecín e agradezo. Alí estaban, efectivamente, os tres poemas de don Ricardo, asinados por Ilex: “A mi mujer / –canción idílica–”, “Soneto” e “A Galicia / Cántiga”, insertos nos números 2, 3 e 5, respectivamente, de novembro e decembro de 1925. 
Velaí o segundo deles, o único que colle no espazo que me resta. O incipiente poeta acababa de facer quince anos

“Maruxa”

Te puede interesar