Máis un baleiro que nos queda

A“Morte cruel esa tredora maña / de roubar de non cato a humana vida”, que di o Licenciado Pedro Vázquez de Neyra no seu coñecido Respice finem (1612), volveu chamar por outro colega e vello amigo, José Luis Quiñoá, catedrático do Departamento de Economía Cuantitativa da USC. Coñecín o Quino en Santiago no curso 1968-69, cando andabamos a comezar os nosos estudos na Universidade. Diría que foi no Vema, un xa desparecido café da rúa Nova, por medio dalgún dos estudantes lugueses que, coma min, cursaban Filosofía e Letras e que adoitaban xogar ao tute o café da sobremesa dos sábados. Ía por alí con frecuencia, case sempre a perder e pagar. Eran bos xogadores. Ramón Villares -o que, anos despois, foi reitor- aínda, de cando en vez, me lembra os cafés que tomou á miña conta. O risco de detención –posiblemente con duras represalias pola súa militancia antifascista– levou o Quino a exiliarse en Francia e alí puido continuar e rematar –na Sorbona– a licenciatura de Matemáticas. Morto o ditador retornou e comezou a súa carreira docente na Universidade compostelá. Daquela a hoxe vino con relativa frecuencia e ata pateamos Siria. Sempre na loita, foi gran profesional e excelente amigo.

Máis un baleiro que nos queda

Te puede interesar