Letras e ciencias

Hai un par de semanas lin, como adoito, a columna, “Patente de corso”, que Arturo Pérez-Reverte publica no XLSemanal. Nese artigo, titulado “Élite, naturalmente”, referíase á “sorpresa” que lle producira ler nas redes algún comentario de lectores seus acusándoo de defensor das elites culturais por ter falado a favor da utilidade do ensino do Latín e do Grego. Apreciación coa que coincido plenamente. Como comparto tamén a visión de que a cada paso maior separación entre as letras e as ciencias leva camiño certo de converter en “divorcio irreparable” o que tiña que ser prácida vida en común. Lembro que a que era feliz convivencia, entre Latín, Matemáticas e Física e Química, nos dous últimos cursos daquel Bacharelato Elemental, desaparecía nos dous cursos do Bacharelato Superior pola obrigada escolla dunha das ramas: Letras (Latín e Grego) ou Ciencias (Química, Física  e Matemáticas), situación que se mantiña no curso Preuniversitario.

Esa división en Bacharelato Elemental. Superior e Preuniversitario, así como a das ramas, apareceu coa Lei sobre Ordenación do Ensino Medio de 1953 sendo ministro de Educación Nacional Joaquín Ruíz-Giménez. Viña substituír o Plan de Bacharelato de sete anos implantado pola IIª República e logo modificado pola Ditadura franquista para adaptalo aos seus principios. En ambas as versións convivían en perfecta harmonía as materias de ciencias coas de letras. Miña mai -que cursou eses sete anos, iniciándoos na versión republicana e finalizándoos na franquista- estaba convencida de que eran uns estudos secundarios moito máis formativos que os que cursabamos os fillos e pensaba que a mestura de materias de letras e ciencias era inherente a un bo sistema educativo.

A min -como ao señor Pérez-Reverte, que é un ano menor- tocoume seguir ese plan de estudos con ramas. Non o implantado polo ministro Ruíz-Giménez senón un moi parecido aprobado no ministerio do seu sucesor, Jesús Rubio García-Mina, en 1957. Excepto o Preuniversitario, coas correspondentes Probas de Madurez, que o realicei de acordo coas reformas intoducidas en 1963 polo ministro Manuel Lora-Tamayo Martín.

Sorprendeume moito que o señor Pérez-Reverte diga no seu artigo que once alumnos do seu instituto de Cartagena elixiran estudar Grego, Latín, Literatura, Historia, Arte e Filosofía, porque parece dar a entender que os alumnos que seguiran a rama de Ciencias non cursaran tales materias. Eu, como os compañeiros que cursamos o bacharelato por esa rama, estudeinas todas, agás as dúas primeiras, que eran as únicas específicas de Letras. E chegados a este punto podería engadir que a escolla de Ciencias non me supuxo maiores problemas para, chegado á Universidade, estudar Filoloxía e acadar a máxima categoría docente.

Entendo, pois, que o ensino secundario, debería ser o máis unitario posible. Tempo haberá para especializacións. 

Letras e ciencias

Te puede interesar