Inexplicable

Desde hai ben anos almorzo diariamente coa lectura do noso Diario, mesmo nos tempos -como o actual- nos que non resido en Ferrol. Dado que non son nada amante da lectura de prensa electrónica, é normal que as primeiras informacións de moitas noticias as reciba por ese medio. Logo chegaranme por medio doutros xornais, pola radio, pola tele... Aínda que unha boa ducha axuda de veras ao acordar do organismo e a irlle collendo o pulso ao novo día, no momento en que almorzamos non adoitamos estar -cando menos é o meu caso- totalmente despexados e, por iso, o feito de que algunas novas nos sorprendan máis do que sería habitual lévanos a revisar se o que vimos de ler é así ou o entendemos mal. Tal me pasou hai un par de días cando vin a noticia de que quen chegue a Galicia procedente de países ou zonas de alta incidencia da pandemia deberán comunicalo á Consellería de Sanidade. A decisión pareceume impecable. O que xa non me pareceu tanto foi a relación dos lugares de procedencia. Como podía figurar Portugal e non Madrid? Como debo entendelo cando non recordo ter visto casos traídos de Portugal e si vexo diariamente surtos por contacto con persoas vindas da comunidade madrileña?

Inexplicable

Te puede interesar