lunes 22.07.2019

Inesquecible tarde

alia que son persoa que nunca sinto aburrimento, que adoito sentirme a gusto case sempre, hai ocasións en que non me queda outra que pensar no a gusto que estou. Aconteceume por última vez na tardiña do pasado luns no Xardín Botánico da Ría do Burgo, ao carón mesmo da Aula da Natureza que leva o nome do noso paisano ferrolán Juan de Lembeye, de quen, non hai moito, falou Juan Burgoa nestas páxinas. Que ben se estaba alí na compaña da cálida brisa e da luz amarelada do solpor como telón de fondo da música jazzística de Menil. Sabido é que no repertorio do cuarteto madrileño ocupan un lugar primodial as interpretacións do que se coñece como gypsy jazz ou jazz manouche, esa marabillosa mestura do swing coa música cigana do leste de Europa que crearon e popularizaron músicos como o guitarrista Django Reinhardt e o violinista Stephane Grappelli, fundadores do Quintette du Hot Club de France. Menil interpretou algunhas pezas de Sacha Distel, bo cantante e guitarrista francés, a quen as persoas da miña idade lembramos, se cadra, máis polo seu famoso idilio con Brigitte Bardot que polas súas cualidades musicais. Unha gozada. A actuación de Menil pechou os concertos da XIX edición do Burgojazz.

Inesquecible tarde
Comentarios