Incoherencias

En moitas das conversas que manteño desde hai anos cun grande amigo cubano, este adoita mencionar que moitos dos problemas da Cuba revolucionaria derivan de que se confundiu a igualdade co igualitarismo, que, como todo marxista sabe –ambos sómolo– non vén sendo o mesmo. Karl Marx non foi igualitarista. A cuestión aparece malia que boa parte dos nosos parladoiros xiran arredor da literatura, pois o meu amigo, á parte doutras cousas, é un excelente e recoñecido poeta. Cando o coñecín ocupaba un alto cargo político e, non obstante, residía nunha pouco confortable casa lonxe nunha poboación das características da capital cubana, tan alongada e cun pésimo transporte. Anos andados conseguiu mudarse a un apartamento do Vedado, cunhas notables melloras mais de espazo reducido. Abofé que teño estado en vivendas ben mellores de amigos e amigas que son xente do común. Lembreime destas e doutras cousas similares a raíz da aparición nos medios da noticia de que os dirixentes de Podemos, Pablo Iglesias e Irene Montero, adquiriran unha vivenda de varios centos de miles de euros. A partir de aí, como sabemos, comentarios de todo tipo inundaron os diferentes medios de información ou comunicación existentes. A min que eles ou calquera persoa física dedique o seu diñeiro a mercar unha vivenda por ese ou mesmo por un valor superior non me parece nin ben nin mal sempre que poidan facelo. Como se para iso fosen conscientes de que ese gasto ía obrigalos a pasar algo de fame. Ser de esquerdas non leva aparellado –só faltaría– ter que levar unha vida miserenta, nin moito menos. Unha persoa de esquerdas non ten que avergoñarse, en absoluto, de ter cartos abondo, sempre que os conseguira de xeito totalmente honesto. E se os ten, parece lóxico que poida utilizalos para o que máis lle preste. Os problemas que eu lle vexo a esta operación son dous. O primeiro, o de beneficiarse, sen pudor ningún, dun préstamo que non se lle concedería a persoas de similar poder adquisitivo. Ás veces, non digo que sexa o caso, os tratos de favor poden esixir algo a cambio. O segundo, que ese nivel de endebedamento obriga a ter un avultado nivel de ingresos que se supón debe garantir unha profesión consolidada e eu entendo que, se se quere ter credibilidade, ninguén debe ocupar cargos políticos máis aló de oito anos, cando menos consecutivos. Con estas compras paréceme que esta xente non vai ir por aí.

Incoherencias

Te puede interesar