Grande filme

Cine, cine, cine, / más cine por favor, / que todo en la vida es cine / y los sueños, / cine son”, escoitámoslle cantar a Luís Eduardo Aute hai case corenta anos e moitas veces máis despois. Porque Aute foi un apaixonado do cine, arte á que lle dedicou certo tempo da súa vida. Mesmo de xeito profesional. Nos anos mozos, chegou a traballar -ademais de como intérprete de idiomas-, como segundo auxiliar de dirección, nun film da relevancia da Cleopatra (1962), de Joseph L. Mankiewicz, que ten que ver co tema do que hoxe me ocupo.

Sen chegar a tanto, declárome amante incondicional do cinema. Levo toda a vida vendo películas. No Ferrol Vello natal e da primeira infancia non había cines -o máis próximo, probablemente, o Rena-, mais si os tiven ao carón da casa cando, por volta dos seis anos, fun morar á rúa Madalena: o Capitol e o Callao. Neles, desde moi pequeno, teño visto de todo. Lembro ben as sesións infantís dos domingos no Capitol e as sesións dobres do Callao, polo medio da semana, na compaña da avoa Fortuna. Logo, a medida que fun medrando, foron incorporándose o resto de salas, incluído o Galicia -alcumado o das zocas-, de Faxardo. E como non, as proxeccións das tardes de sábado no Instituto. E máis tarde os da comarca: o Niza, de Neda; o Principal, de Xuvia; o Perla, de Perlío; O Urimare, de Narón... E despois todos os dos sitios onde, pouco ou moito, residín. Sempre precisei das salas de cine para, realmente, vivir.

Mais esta persistente pandemia afastoume delas. Entre confinamentos, restricións, peches e outras circunstancias non puiden ir o que querería. Mais antonte, día de estreas, fun ver o Mank de David Fincher. E saín encantado. Eduqueime cinematograficamente con moito filme rodado en branco e negro e sigo gustando desa gama de tonalidades, as que realmente lle prestan ao relato que esta película nos presenta: o da real autoría do oscarizado guión de Cidadán Kane (1941), a grande obra mestra do cine de sempre dirixida por Orson Welles.

O guionista Herman J. Mankiewicz -encarnado en escelentísima interpretación por Gary Oldman, gañador do Óscar por lle dar vida a Churchill n’A hora máis obscura (2017)-, xogador afeito a perder, tanto no xogo como na vida, acabou por gañar a partida -se cadra a batalla máis importante da súa vida- na que se xogaba que o seu nome figurase como autor do guión do xenial filme de Welles, quen, como non, aparece, de cando en cando, en Mank. Como tamén o fan, de xeito máis ou menos pasaxeiro, actores e actrices como Marion Davies, Norma Shearer, Greta Garbo, Carole Lombard, Clark Gable, Bette Davis, Charlie Chaplin ou Joan Crawford ao carón de Louis B. Mayer, Irving G. Thalberg e David O. Selznick, os grandes produtores desa altura, ou o magnate da prensa William Randolph Hearst, que inspirou o Charles Foster Kane, protagonista de Cidadán Kane. Nese entramado do Hollywood de entreguerra figuran algúns outros personaxes como o citado Joseph L. Mankiewicz, quen por chamado de seu irmán máis vello, traballaba de guionista. Logo xa sabemos o que chegou a ser.

Se poden, non a perdan. 

Grande filme

Te puede interesar