Franxas

Acaba de rematar, como quen di, a temporada futbolística e xa comezou a parafernalia toda da próxima. E, como non, vestimentas. Visto o cal, se cadra, non estarían de máis algúns cambios terminolóxicos, xa que as definicións do termo temporada que atopamos semella que quedaron algo curtas. Na actualidade unha temporada de fútbol xa ben sendo máis que un período ou unha época destinada a algo, porque xa case que é a época toda.

Paréceme recordar que nos meus tempos de neno, cando me fixeron socio do Racing e comecei a ir á grada de marathon do Manuel Rivera, había un tempo, unha temporada, ou temporadiña, de descanso, de desconexión, entre o final dun campionato e o comezo doutro. Aínda que é posible que as cousas non fosen tan así e que as miñas lembranzas esteñan un bocadiño alteradas pola diferente percepción temporal que temos de cativos. Se cadra, aquel tempo de espera parecía máis longo do que en realidade era. Van aló por volta de sesenta anos e non é doado atinar de cheo. O que si lembro de xeito parecido son todos os asuntos relacionados co cambio de curso que citei antes, agás o da indumentaria. Na miña mente están os xogadores do Racing vestindo un modelo de camiseta que non mudaba cos anos. A forma era sempre a mesma e tiña idéntica tonalidade de verde. E iso pasaba en todos os equipos. O do cambio anual de deseños. Como o das segundas e terceiras equipacións. Uns froitos máis desas modas que nos impón o feroz capitalismo que nos rodea.

Nestes días hai certa polémica por terras coruñesas coa nova camiseta do Deportivo e as súas franxas branquiazuis horizontais. Lin e escoitei cousas como estas que non comparto en absoluto: supón perda de identidade; é doutro equipo; non representa o club; parece dun equipo de rugby... Conservo unha foto dedicada de Víctor Ledo, de 1961, cando fichou polo Deportivo, na que viste a camiseta que desde sempre identifiquei co club. Mais iso non significa que non o vise ben reflectido en calquera das indumentarias que utilizou nos últimos trinta anos, cando me fixen socio e acudín regularmente a Riazor. Gusto máis desta nova que dunhas cantas anteriores, entre outras cousas porque me trae bos recordos da  miña adolescencia como atleta nas pistas de Riazor. A mediados dos sesenta aquela cinza sabía sobradamente dos triunfos de Nela Souto vestindo camiseta deportivista de franxas horizontais. Por que non vai acontecer así no fútbol?

Franxas

Te puede interesar