Festas

Esta noite poñeráselle o ramo ás festas de Ferrol, das que puiden gozar menos do que nos últimos anos. Primeiro foron asuntos inaprazables os que ocuparon as miñas horas. E despois a auga. As nulas ganas que tiña de mollarme -con este intermitente verán aínda non dei secado de todo- fixeron que non me achegase a Amboaxe para ver Os gaiteiros de Lisboa, banda que hai anos descubrín nos seus excelentes acompañamentos de temas das viaxes do Fausto Bordalo. Afortunadamente, antonte o tempo portouse debidamente e convidaba a escoitar e mesmo a botar un cantecito ou os que fixera falta. Aló fun, pois, á praza do marqués, que hai quen di que foi negreiro, con ganas de saborear en vivo as músicas do admirado Kiko Veneno. Hai ben tempo -xa en cintas de ferro-cromo- que sempre levo no coche algo seu. Gusto do seu flamenquito, das súas rumbitas, como de todo o que sinto que é bo. Reggaeton si que non, grazas. Nada que ver co magnífico facer e a marcha despregada pola ben nutrida Banda del Retumbe e do seu xefe. Dous detalles negativos: as fumetas e o prezo das bebidas. Un atraco. E iso que son abstemio.

Festas

Te puede interesar