Escusas de mal pagador

ergoña allea me deu a lectura das declaracións do expresidente Mariano Rajoy a propósito da sentenza do Tibunal Supremo sobre o caso Gürtel. Como se pode dicir, sen enrubiar como un camaleón sobre pano vermello, que esa sentenza de hai uns días supón unha “reparación moral”? Como se pode pretender safar limpo de pó e palla en base a que o Supremo ditaminase que non se podía afirmar que o PP fose autor de delitos de corrupción e prevaricación, xa que, como tamén se di na sentenza, non se  solicitou a súa condena en tal sentido? O que dixo o tribunal foi que “efectivamente no es dable afirmar que el PP delinquiera, cuando no ha sido enjuiciado por responsabilidad penal en este proceso”. 
Destas palabras pódese deducir que o Supremo dixo que o PP non delinquiu? Paréceme que en absoluto.
O bombo que, don Mariano e a dirixencia do PP, lle deron e seguen a dar ao asunto ten a pretensión de que a opinión pública –que, está claro, non vai ler as 1.844 páxinas nas que se recolle esta sentenza– tire a conclusión de que o PP saiu absolto das condenas da ditada hai dous anos e medio pola Audiencia Nacional.
Porque iso non é así: a sentenza do Supremo mantén tal cal a condena ao PP do pago de 245.492 euros como partícipe a título lucrativo que lle impuxera en 2018 a Audiencia Nacional. Xa que logo?
É máis que evidente que do que se trata é de estender a idea, a todas luces falsa, de que o PSOE chegou ao poder dun xeito pouco limpo, amparado na mentira, ese proceder tan habitual no PP. Esquecerían a interesada falsa atribución dos terribles atentados do 11 de marzo de 2004?
Pois, a pesar de ser ratificada esa condena por delitos de persoas que lle produciron ao PP  “beneficios económicos cuantificables, consistentes na financiación ilegal de actividades e diversos actos políticos realizados en campañas y precampañas electorais para os seus candidatos”, os dirixentes seguen empeñados en bloquear calquera acción do Goberno porque si. E isto, que sempre o é, resulta moito máis preocupante, en momentos tan graves –sanitaria e economicamente– como os que estamos a atravesar. Esa oposición frontal ao imprescindible peche de Madrid fala ben ás claras de ata onte pode chegar a irresponsabilidade cando se trata de tocar as pelotas. Noutros lugares, con cifras menos ameazantes tomáronse e tómanse medidas máis drásticas e hai, como non, protestas, mais nada equiparable ao que se viu polos madriles. O que está a acontecer relacionado coa renovación do Consello Xeral do Poder Xudicial tampouco ten nome. Iso de manifestar unha e outra vez que o PP non se vai sentar a falar do tema co Goberno mentres estea nel o señor Pablo Iglesias, porque está intentando poñer as personas que él quere para solucionar os seus moitos problemas xudiciais” é moito dicir. Serán, por certo, maiores eses problemas xudiciais que os que aínda ten pendentes o PP, que non son pouca cousa?
En calquera caso iso é presión, o que comunmente se coñece como chantaxe.

Escusas de mal pagador

Te puede interesar