Elton John na memoria

Acabo de regresar de Santander, a onde fun pasar un par de días cuns moi benqueridos amigos cubanos. Unha das noites convidáronnos a ver Rocketman, o filme biográfico –para que usarmos biopic?– sobre Elton John. A parella cubana que nos suxeriu asistir á citada sesión cinematográfica gusta do músico e cantante de Middlesex, como deixa ben ás claras a súa presenza no “Farewell Yellow Brick Road Tour 2018-2019”, que, poucos días antes, abarrotou o madrileño pavillón WiZink Center. Pola contra, eu nunca fun moi seguidor do artista británico. Desde logo nada que ver co que -sen saírmos da lingua inglesa- fun e son de Beatles, Rolling Stones, Elvis, Dylan, Chuck Berry, Ben E. King, Animals, Beach Boys, Kinks, Tremeloes, Gerry and the Pacemakers e uns cantos máis dos meus anos mozos. Nin sequera sospeitaba que puidese ter tantos fans na Península Ibérica. Tanto é así, que o outro día lembraba a sorpresa que me producira ver tanta xente polas rúas do casco vello donostiarra despois dun seu concerto. Foi na noite do sábado 22 de abril de 1989 cando actuara no Velódromo de Anoeta, con Nik Kershaw como cantante de apertura, telonero, que diriamos en español. Eu fora a Donosti para, na mañá do día seguinte, correr o quilómetro final ou internacional da korrika dese ano, iniciada nove días antes en Pamplona. Por certo que tamén me sorprendera moi gratamente ver tanta xente presenciando esa carreira en apoio do euskera, organizada pola AEK (Alfabetatze Euskalduntze Koordinakundea) –organización de alfabetización de aldultos– que percorre boa parte dos territorios de fala euskalduna. Era aquela a sexta korrika e este ano tivo lugar a vixésimo primeira. Pois ben; esa noite de sábado, despois de picar algo con membros da organización e co resto de convidados doutros territorios europeos, fun dar unha volta para tomar uns tragos cun catalán. El bebía chupitos de uísque e eu cañas de cervexa en locais totalmente petados de xente, en boa parte procedente do concerto. Nas rúas tamén se circulaba cóbado con cóbado do persoal, polo que resultaba imposible saber onde se pisaba. Tanto era así que, de súpeto, me vin case metido de todo nun burato, con risco de partir algo, mais, afortunadamente, o episodio non pasou dun susto. Algún “gracioso” tivera a ocorrencia de quitar a tapa dun sumidoiro e por alí me colei. Un recordo para toda a vida con Elton John de fondo.

Elton John na memoria

Te puede interesar