Ditaduras

Como non podía ser doutra maneira, o debate central na primeira sesión de control ao Goberno tivo como protagonista Venezuela e a figura do seu autoproclamado presidente encargado Juan Guaidó, a quen o presidente –este si electo e lexítimo– Pedro Sánchez, en resposta ás imaxinarias acusacións de Santiago Abascal, se referiu como “líder de la oposición en Venezuela”. 

Díxoo, iso si, sen ningún tipo desa carga pexorativa que se lle quixo dar, xa que foi nun contexto no que falaba das magníficas relacións do tal líder opositor con España, expresadas polo propio Guaidó.

E digo isto, porque non comparto, en absoluto, o recoñecemento do señor Guaidó como presidente encargado feito polo Goberno español desde hai algo máis dun ano, case desde  o mesmo momento en que este se xuramentou como tal. Supoño que os seus motivos tería –e segue a ter– o Goberno para ese recoñecemento, mais como, afortunadamente, nin son presidente nin formo parte de ningún goberno podo opinar o que mellor me pareza e iso é que estimo que esas proclamacións en estados latinoamericanos -Venezuela ou Bolivia- teñen de todo agás seriedade e, consecuentemente, deberían ser inasumibles. Sabido é –algo que se oculta ou do que se fala pouco– que só 55 estados dos 193 que conforman a ONU recoñeceron Guaidó como presidente interino venezolano. Por algo será. Os que o recoñecen non chegan nin a un terzo e, non obstante, no noso entorno só se lle dá valor ao que di unha minoría bastante minoritaria. Será porque  se entende que os votos dos pobres valen menos? Ou será pola consideración de que os menos son os que están en posesión absoluta da verdade?

Como do que se trata, con razón ou sen ela, é de xerar polémica, a señora portavoz do PP, tamén esquece todo isto e acusa o presidente do Goberno de asumir a linguaxe de Podemos, de Zapatero e do chavismo.

E fálase moito da ditadura de Maduro. Nótase que os líderes do PP e de Vox -unha escisión do PP, non o esquezamos-, por razóns de idade, entre outras, non teñen idea do que é unha ditadura. 

Ninguén que padecese ou se beneficiase da ditadura franquista pode dar creto a que un opositor puidese andar viaxando por aí alegre e impunemente. E menos aínda retornar ao país, do que saíu clandestinamente, polo aeroporto principal do mesmo sen ter o máis mínimo contratempo.

No organigrama da ditadura franquista, malia que non había rei, había Cortes e un presidente das mesmas. E a verdade é que, nin no mellor dos soños, podo imaxinar ao señor Rodríguez de Valcárcel autoproclamándose xefe do Estado. Iso si era unha ditadura, da que, por certo, creo que aínda non se distanciaron as dereitas españolas.

Ditaduras

Te puede interesar