Diñeiros

Es posible que algunha das persoas que teñan a ben ler esta columna lembren que na do último domingo de xullo escribira sobre o debate que se estaba producindo acerca da petición da Federación Española de Fútbol de que, por lei, non se permitise xogar partidos das ligas do fútbol profesional en venres e luns, posición frontalmene encontrada coa da Liga de Fútbol Profesional.

Por eses días a xuíza única do Comité de Competición fallou que só se poderían celebrar encontros en sábados e domingos e poucos días despois o xuíz do Xulgado do Mercantil nº 2 de Madrid ditaminou cautelarmente que si se podería xogar os venres mais non os luns. Co que a resolución definitiva do asunto segue nas mans do Consello Superior de Deportes e dos tribunais.

Trátase única e exclusivamente dun problema de cartos. A Liga quere gañar cada vez máis e as televisións, que son as que pagan –iso sí, cos diñeiros da publicidade e as conexións que pagamos todos–, esixen partidos en moitas franxas horarias e pouco lles importa que os afeccionados que acudimos regularmente aos campos teñamos outras cousas que facer nos días e horas intempestivas en que se xogan algúns partidos. Que lles poden importar os socios aos dirixentes de equipos nos que máis do 90% dos seus orzamentos proveñen dos ingresos das televisións? Creo que nada hai que puntualizar ao respecto. Mais ese feito de que se mova tanto diñeiro non implica, nin moito menos, que a inmensa maioría dos clubes do fútbol profesional español deixasen de utilizar instalacións públicas. Sabido é que a inmensa maioría dos campos onde se xoga o fútbol profesional en España son municipais.

Algún día haberá que lle poñer freo a todo este desmadre económico deixando de acudir aos campos de xogo e pasando de ver partidos pola televisión. Sospeito que, de facelo así, só nun mes cambiarían cousas. Sei que non será doado, porque os poderes todos están encantados con que a xente fale de deportes, porque mentres o fai non se ocupa do paro, dos salarios de miseria, da explotación laboral, das estafas bancarias ou enerxéticas, das privatizacións de servizos sanitarios ou educativos..., mais, se cadra, non estaría de máis ir pensando nalgo que impida que nos sigan ninguneando.

A lectura no Diario, nestes últimos días, dos problemas do Baxi co Concello acerca de parqués, canastras, horarios de uso... no pavillón da Malata foi o que me levou a retomar o tema.

Diñeiros

Te puede interesar