Díaz Pardo: lembranzas dunha amizade

al día como onte, 22 de agosto, cumpríronse cen anos do nacemento de Isaac Díaz Pardo, no nº 17 da compostelá rúa das Hortas, o predio popularmente coñecido como a casa da Tumbona. Alí, pouco antes, seu pai, o artista ferrolán Camilo Díaz Baliño, instalara os “Talleres de Escenografía e Propaganda” da empresa de espectáculos Fraga, da que fora nomeado responsable e director artístico. Foi nese lugar onde, desde moi neno, Díaz Pardo puido coñecer personalidades do mundo cultural e político galego como Castelao, Risco, Cabanillas, Suárez Picallo, Arturo Cuadrado, Ánxel Casal, José Silva Luís Seoane... que, dun xeito ou doutro, o marcaron para sempre. Foi aí onde comezou a formarse a personalidade de quen co paso do tempo chegou a converterse nunha das figuras máis relevantes do mundo intelectual galego. A grandeza de Isaac Díaz Pardo é verdadeiramente impresionante, feito que, por desgraza, os galegos e galegas aínda non valoramos na súa xusta medida. Funo coñecendo pouco a pouco, mais foi nos seus últimos anos cando máis o tratei. Teño conversado -e mesmo xantado, de xeito sempre frugal- moitas veces con el, tanto nas dependencias do Instituto Galego de Información de San Marcos, en Compostela -onde traballaba e vivía, ata que, dun xeito inicuo, foi expulsado delas -como no Castro de Samoedo. No IGI traballaban o meu vello e querido amigo e compadre Xosé Ramón Fandiño, así como o deseñador Xosé Vizoso ou Alfonso Mato, tamén amigos, e iso xa era un aliciente para me achegar por alí case sempre que ía a Santiago, que, naqueles anos de finais e comezos de séculos, eran veces abondas. E, por riba de todo, estaba Isaac, aquel grande home que coñecera uns cantos anos atrás.
Contra o final do verán de 1983 despraceime á Occitania para, fundamentalmente, participar no “XVII Congreso Internacional de Lingüística e Filoloxía románicas”, que tivo lugar en Aix-en-Provence entre o 29 de agosto e o 3 de setembro. Alí, casualmente, coñecín Klaus Bochman, catedrático de Lingüística Románica da Universidade de Leipzig e tradutor ao alemán de obras de Neira Vilas. Como no transcurso da conversa comentou que tiña prevista unha viaxe a Galicia en breve, apalabramos a organización dunha charla súa no Colexio Universitario da Coruña. Así, na tardiña do 26 de outubro dese ano 1983, disertou acerca de “Xosé Neira Vilas en Galicia e en América”, en acto organizado polo propio centro e a Agrupación Cultural “Alexandre Bóveda”, representada por Pilar García Negro. Entre os asistentes estaban Isaac Díaz Pardo e o académico Marino Dónega. Ao remate, achegóuseme Isaac para ver se había inconveniente en que ceásemos todos xuntos. Como non había, así se fixo. Foi esa a primeira vez que tiven o pracer de falar de vagar con Isaac. Nunca esquecín esa frutífera noite no desaparecido restaurante Esteban, da coruñesa rúa de Pardo Bazán. Non todos os días se pode coñecer, stricto sensu, alguén con quen apenas se tiña coincidido, mais de quen se tiña escoitado falar moito e desde case sempre. Porque, quen non sabía da existencia das cerámicas de Sargadelos ou do Castro? 

Díaz Pardo: lembranzas dunha amizade

Te puede interesar