Desolación

roduciume desazón a fotografía de Daniel Alexandre que ilustraba a primeira plana do noso Diario do mércores. E deume que pensar. É a imaxe -supoño que a terán en mente- dun mozo, rodeado dos seus materiais de estudo, como único ocupante dun espazo da aula de estudo do Campus de Esteiro da UDC. O lugar vese debidamente parcelado para poder usalo coa debida, aconsellada e aconsellable prudencia que a situación sanitaria require. Mais, o feito de ver ocos baleiros -percíbense mellor na foto dunha páxina interior- produce, e como non, desolación. 
Pensemos na ocupación deses espazos nesta época de cursos anteriores. Lembro que, hai un par de anos, meu neto, que andaba a repasar cousas para as probas de acceso á Universidade, utilizaba con frecuencia esas dependencias e contaba que había días en que lle costaba traballo atopar un espazo baleiro no que se sentar e pousar os libros e/ou apontamentos que precisaba.
Mais, por se isto non abondase, podemos contrastar as imaxes da aula de estudo coas que diariamente vemos na inmensa maioría de terrazas nun día soleado, moita xente e moi pouca distancia entre ela. E nos transportes? Mal imos se esa é a sociedade que queremos. 

Desolación

Te puede interesar