Desnuclear?

o seu regreso de Singapur, após a reunión mantida o pasado día 12 co líder norcoreano Kim Jong-un, o presidente Donald Trump declarou, de xeito triunfalista, que todo o mundo se podía sentir moito máis seguro, porque xa non había ameaza nuclear de Corea do Norte. Segundo dixo, o seu encontro con Kim evitou unha probable catástrofe nuclear, xa que no futuro non vai haber máis lanzamentos de foguetes, nin ensaios, nin investigacións nucleares. A súa habitual prepotencia levouno a manifestar que a República Popular Democrática de Corea podería lograr un benestar case sen límites se entregaba as súas armas nucleares e adoptaba o comercio e as relacións co mundo. Isto é, que entrase de cheo no capitalismo. Paréceme evidente que isto non cadra co que teñen posto de manifesto as autoridades norcoreanas referente a que os Estados Unidos teñen que prometer que non van  intentar derrocar o réxime da Corea do Norte. A República Popular ten sinalado que non está disposta a renunciar, de xeito verificable e irreversible, a todo o seu armamento nuclear a cambio de axuda económica. O que pretende é que os norteamericanos poñan fin á súa política de hostilidade, de ameazas atómicas e de chantaxe. Mais, os EEUU advertiron de que seguiría vixente o réxime de sancións ata a completa desnuclearización. Semella evidente que, froito da reunión dos mandatarios dos dous países, ademais doutras negociacións laterais, se ten avanzado na política da paz. Non obstante, penso que falta moito para que se poida chegar a acadar a situación descrita polo presidente Trump, esa de que todo o mundo se poida sentir moito máis seguro. Fica claro que en ningún momento se falou de desnuclearizar os Estados Unidos, para que, pensarán eles, se son os gardiáns do mundo coñecido. Sempre os que teñen que desnuclearizarse son os outros. Ou os indios, porque cando vimos a cabalaría norteamericana negociando con estes unha entrega bilateral de rifles? O que se impuña era que os indios entregasen as armas e, por riba, desen grazas por deixalos seguir vivindo. A historia dinos que os realmente perigosos na utilización de armamento aniquilador son os propios norteamericanos. Quen, ademais deles, ousou tirar dúas bombas nucleares que causaron, en só dous días, ao redor dun cuarto de millón de mortos? Medo me dan. 

Desnuclear?

Te puede interesar