Definicións

Unha das primeiras cousas que aprendemos na escola, ou iso me parece, é o alfabeto ou abecedario, isto é, o conxunto de letras que conforman o idioma en que imos estudar. Sabido é que o termo alfabeto, esta formado por alpha e beta, o nome das dúas primeiras letras do grego, chegou a nós pola vía do latín, que incorporara esta palabra, mentres que abecedario se formou co nome das catro primeiras letras do latín. Ao carón de abecedario temos abecé, usado para se referir aos rudimentos de calquera ciencia. Así, adoitamos dicir que determinados principios mínimos son o abecé da cociña, da limpeza, da química orgánica, da literatura ou de calquera outra cousa da que esteamos a falar. É frecuente tamén o uso da locución non saber o abecé, como sinónimo de ser ignorante.

Analfabeto refírese, na primeira acepción, a quen non sabe ler e escribir e en segunda a ignorante, a descoñecedor de calquera materia. Como -é tan evidente como lóxico- ninguén sabe de todo e unha persoa pode ter infinidade de coñecementos de historia, ciencias naturais ou medicina tradicional e ser un perfecto analfabeto en mecánica de automóbil, física da materia condensada ou aeronáutica. Entre nós, nos últimos tempos, non é doado atopar persoas analfabetas no sentido da primeira das acepcións do adxectivo, isto é que non saiban ler e escribir, por iso cando nos referimos a alguén como analfabeto hai que entender que estamos aludindo á súa condición de falto do que se coñece como cultura xeral. É frecuente tamén que se fale de analfabetos funcionais, para se referir a aquelas persoas que, sabendo ler e escribir, apenas saben extraer nada do que se di nun texto oral ou escrito ou que carecen de capacidades mínimas para solucionar diferentes problemiñas que adoitan aparecer no común do día a día. Cousas tan simples como redactar unha reclamación ou cubrir un formulario. E isto é un asunto preocupante, porque o número de analfabetos funcionais é moito máis elevado do que normalmente pensamos.

Vén todo isto a conta das palabras ditas a comezos da semana, nun programa de televisión, por Javier Pérez Royo, catedrático de Dereito Constitucional, xubilado, da Universidade de Sevilla, referíndose a Pablo Casado, presidente do PP. Non teño dúbida ningunha de que o doutor Pérez Royo é analfabeto en diferentes parcelas do saber, probablemente, entre outras, en química-física, mais non se lle poden negar coñecementos no mundo do dereito e menos aínda no ámbito do dereito constitucional. E por iso que referirse, como fixo, ao señor Casado como analfabeto xurídico, tendo en conta que a interpretación que este fixera do artigo 27 da Constitución en defensa do Pin Parental carecía de fundamento e era impropia dun licenciado en Dereito. É, xa que logo, unha definición que non pode nin debe molestar a ninguén.

Definicións

Te puede interesar