De libros e leceres

domingo pasado andei dando unha voltiña polos Xardíns de Méndez Núñez, a coñecida paraxe coruñesa onde, ano tras ano, coa chegada do mes de agosto se celebra a Feira do Libro -probablemente a mellor de Galicia- e que este ano acadou a súa cuadraxésima nona edición. Concertara cita co vello amigo Vicente Araguas que ese día ía asinar os seus dous últimos libros: os versos de O amor non se fala soamente e a novela Través do trebón, cuxa lectura, amizade fóra, lles recomendo desde o convencemento de que mo agradecerán. De non ser así teñan a seguridade de que non o faría, que un ten o seu corazonciño mais tamén a súa cabeciña para dilucidar cualidades literarias. E estas dúas obras téñena. Ambas.
Como non podía ser doutra maneira, este maldito Covid-19, que nos vén amargando a vida desde hai cinco meses e ao que non se lle ven trazas de nos deixar de camiño, afectou o desenvolvemento da feira, comezando polo número de casetas -dezaseis- que non chegan á metade das da edición do ano pasado. Mais iso -menos dá unha pedra- non tería sido grande problema se non se tivesen que ter suspendido as actividades complementarias, nomeadamente as de presentación de libros que adoitan ser as que moven un bo número de persoas. É verdade que a xente que ten interese en se achegar a escritoras e escritores para que lles dediquen a algunha das súas obras pode facelo como en anos anteriores, mais as imprescindibles medidas de seguridade limitan significativamente o contacto. Non sei como irían as cousas ao longo desta semana -que aínda non volvín por alí- mais nas últimas horas da tarde do pasado domingo vin moi pouca xente en comparación con outros anos, e iso que a climatoloxía non convidaba a estar, precisamente, na praia. 
E como non todo van ser libros, aproveitamos para tomar unha cervexa -coa grata compaña de Xavier Alcalá- na esplanada do Café Mirador, sito no edificio Atalaya, xusto na parte traseira das casetas da Feira. Esta singular construción, de propiedade municipal, tamén coñecida como Casilla-Biblioteca dos Xardíns de Méndez Núñez, foi durante anos o edificio máis vangardista da Coruña. Foi proxectado polo arquitecto Antonio Tenreiro, en 1933, para albergar un lugar no que os xardiñeiros gardasen os seus útiles de traballo; unha pequena biblioteca; uns urinarios públicos e unha cafetería na terraza da planta superior. Diversas reformas que se lle foron facendo desvirtuárono, aínda que conserva parte da singularidade coa que naceu.
Mentres se fala e se consme na citada esplanada, pódese deleitar a vista con parte do alegórico e innovador monumento dedicado a Concepción Arenal da autoría do arquitecto Rafael González del Villar, inaugurado en 1916 e mais co monumento á condesa de Pardo Bazán, obra do escultor Lorenzo Coullaut, que data do mesmo ano 1916.

De libros e leceres

Te puede interesar