De letras e de fútbol

on podía comezar esta dominical columna doutro xeito que non fose este de manifestar a miña inmensa alegría polo feito de que por fin, xa que non foi sen tempo, a Real Academia Galega tivese a ben dedicarlle o Día das Letras Galegas a don Ricardo Carvalho Calero, persoa á que tanto admirei e quixen. Mais non vai ser ningún aspecto da súa monumental figura o asunto central destas liñas. Tempo abondo haberá para facelo.  Recordo que nas numerosas conversas que mantiven con el -evidentemente non todas relacionadas con cuestións profesionais, o tema deportivo tivo unha nula presenza. De feito non teño na cabeza máis que unha ocasión en que, precisamente paseando por Ferrol, fixera unhas referencias tanxenciais ao vello Estadio do Inferniño, intúo que máis polo topónimo en si que polas actividades que nel se desenvolvían. Digo isto porque hoxe preciso falar máis unha vez de fútbol, temática presente en numerosas das miñas conversas con diferentes persoas. Sen ir máis lonxe, con algúns dos académicos que onte resolveron o tema do Día das Letras - Xesús Alonso Montero, Xosé Luís Axeitos ou Paco Fernández Rei- teño falado bastante de fútbol, teño visto partidos no campo ou pola televisión, etc. Non lembro moi ben se o fixen algunha vez con Manolo Rivas, aínda que me parece albiscar que nalgún momento puido aparecer o Relámpago de Elviña, sobre o que si lle teño lido algunha cousa. Como tamén lle lin as dúas edicións de Todo ben (1985 e 2010), a novela negra coa que se iniciou no ámbito da narrativa, que desenvolve unha historia inmersa no mundo do fútbol, nada menos que no Brasil, do que falan ás claras as dúas portadas: a imaxe dun xogador tapada parcialmente por unha man enluvada disparando unha pistola da 1ª edición e a do Cristo do Corcovado ao carón dunha bóla de fútbol da 2ª. Marcos Andrade, o xornalista galego protagonista, gustaba dun fútbol que fose mestura de fortaleza, alegría e ideas, un tipo de xogo que parecía anticipar -sempre me pareceu así- aquel, que a xeito de ballet, viamos en Riazor hai ao redor de dúas décadas. Hai xa uns anos que –agás momentos episódicos– o Deportivo non é quen de xogar bonito. Algo, por outra parte, impensable na segunda división. Por veces ata é case imposible xogar. Impídeno todo tipo de marrullerías, perdas de tempo... nas que o Mallorca semella ser moi experto. Mais estou totalmente convencido de que na tarde-noite de hoxe o conxunto coruñés vai superar todos eses obstáculos para resolver favorablemente a eliminatoria e retornar a primeira.
 

De letras e de fútbol

Te puede interesar