“Cunerismo”

Hai poucas días, revisando cousas pendentes de organizar -son pouco partidario de tirar, para desesperación da compañía habitacional-, batín cunha carpeta chea de follas con anotacións manuscritas. Os traslados domiciliarios teñen estas cousas. Hoxe a xente traballa con fotocopias ou, máis e mellor aínda, con materiais dixitalizados de diferentes maneiras, xeito cómodo de almacenar sen ocupar espazos na vivenda. Mais os que xa temos unha certa idade sabemos moito de copiar; temos gastado ríos de tinta de bolígrafo para encher de notas moreas e moreas de follas de papel de todos os tipos. Na nosa mocidade os medios informáticos eran inexistentes e as fotocopiadoras, ademais de escasas, facían unhas pésimas reproducións, e, por riba, caras. Poñerei un exemplo moi de época, que entendo ilustrativo. Nos meus anos de estudante na Universidade de Santiago era moi común que os mozos e mozas andásemos, de arriba para abaixo e viceversa, as rúas do Franco e da Raíña tomando tazas dun líquido amarelo que chamaban viño do Ribeiro. Pois ben, cada fotocopia costaba o mesmo que catro tazas, 6 pesetas. As vellas anotacións que dicía que revisei en días pasados son -tal como se di nelas- de libros que consultei na Biblioteca Nacional cando andaba a facer o apartado de contextualización histórica da tese de doutoramento, mediados da década dos setenta. Entre elas había unhas, en francés, que automaticamente me levaron a pensar: mira que interesante todo isto que tiña medio esquecido. Pertecen ao libro do avogado, xornalista e político catalán Valentí Almirall L’Espagne telle qu’elle est, editado en París, en 1887, pola Nouvelle Libreirie Parisienne de Albert Savine, Éditeur. Almirall estaba a falar da nefasta política de turnos do sistema canovista da Restauración monárquica e para el, tal e como nesas súas palabras se ve, o cunerismo era unha das plagas daquel pretendido parlamentarismo, daquela comedia electoral que non respectaba absolutamente nada. Inicialmente, chamouse cuneros –no senso de hospicianos aos candidatos, patrocinados polo Goberno, que eran alleos ao distrito polo que se presentaban. Logo, cando, como a propia Restauración, despareceu ese patrocinio do Goberno, o termo pasou a aplicarse a candidatos e candidatas presentados polos partidos en circunscricións coas que nunca tiveron nada que ver. Práctica bastante habitual que denota unha necesidade de colocar alguén.
 

“Cunerismo”

Te puede interesar