Cuestión de nomes

A acumulación de malos resultados, que estaban afastando o Deportivo do ascenso a primeira, aconsellou a substitución do adestrador. Así, hai catro días, tivo lugar a presentación de José Luis Martí, como novo treinador. Mais, nestas liñas de hoxe, non me vou ocupar das súas características profesionais, pois queren ser de onomástica. Na habitual rolda de prensa, o xornalista do DxT Armando Palleiro –benquerido alumno que foi de Filoloxía– dirixiuse a Martí como Pep, o mesmo que faría despois outro informador. O balear non dixo nada ao respecto. Pero, nunha intervención posterior, o presidente fixo notar esta circunstancia e aclarou que lle preguntara ao interfecto como quería que lle chamase e que lle manifestara que José Luis. E así haberá que se referir a el. “No me llames Dolores, llámame Lola”, que din as cancións. A lexislación vixente permite o cambio de nome, polo que cadaquén pode optar polo que máis lle guste. No Barça actual hai dous xogadores co mesmo nome; un en versión española, Sergio (Busquets), e outro en versión catalana (Sergi) Roberto –que é apelido– que deixan claro o asunto.

Cuestión de nomes

Te puede interesar