Control aleatorio

O venres pasado, a media mañá dun fermoso e case estival día, tomei un bus no centro de Alacant para ir ao aeroporto d’El Altet e apañar o avión que me levaría a Santiago. Cheguei ao control, quitei dos petos todo o que podería pitar no arco de seguridade, acerqueime a este, pasei cando me dixeron e pi, pi, pi, pi... Achegóuseme unha señorita e rogoume que a acompañase ao final do mostrador. Alí indicoume que se trataba dun control aleatorio de substancias prohibidas nos avións. Pasoume un papeliño polas mans, mandoume abrir a mochila e refregou outro papel polo interior, meteu os papeis nun aparello e indicoume que podía continuar. Como ía con tempo sobrado para embarcar, o sucedido fíxome a graza que non me fai cando vou apurado. Tenme pasado tantas veses iso, ou cousa similar, en aeroportos de todo o mundo, que xa case me estraño cando non me pita. Como é sabido, aleatorio ten que ver co xogo de dados e de aí con azar, casualidade, sorte, fortuna.... e, xa voando, pensaba se non podería ter esa sorte na primitiva, por exemplo.

Control aleatorio

Te puede interesar