Conflitos de xestión

A víspera de fin de ano o Telediario do mediodía daba conta da rolda de prensa dada pola conselleira de Facenda da Cidade Autónoma de Melilla anunciando a súa intención de non asinar –a non ser que houber un imperativo legal que a obrigue a facelo– a prórroga do contrato da empresa adxudicataria de xestionar o centro de menores de La Purísima, que finaliza o próximo 7 de xaneiro.

Como non gustei do que escoitei na breve noticia do informativo televisivo procurei maior información sobre o tema e así souben que a conselleira, Dunia Almansouri, do partido Coalición por Melilla, elaborou o escrito que remitiu á Fiscalía do Menor despois de realizar unha visita nocturna, e por sorpresa ao centro, na que detectou condicións que, na súa opinión, atentan gravemente contra a dignidade das persoas e que chega a cualificar de “catástrofe humanitaria”. O que viu deulle a entender que non se cobren as necesidades básicas dos residentes, o cal pode, mesmo, supor un grave perigo para a vida deses rapaces migrantes: nenos amoreados e moitos durmindo vestidos, malos cheiros, escaseza de produtos para a hixiene...

Consecuentemente, tirou a conclusión, e así llo fixo saber á Fiscalía, de que non lle parecería moi legal asinar nesas circunstancias a citada prórroga do contrato da empresa adxudicataria.

Pola contra, o PP, que foi quen asinou o contrato, manifestou que é partidario de renovalo, recordando que a Comisión de Benestar Social dera ese mandato, cuxo incumprimento podería derivar en responsabilidades, penais, administrativas e patrimoniais, a súa coñecida táctica intimidatoria. Non recordan o acontecido en Ferrol co da depuración?

Ademais, como adoita suceder en todo este tipo de trapalladas legais, a empresa privada xa anunciou que fará un ERE se non hai renovación e, como non, os traballadores anunciaron que farán folga. Non lles soa tamén a coñecido?

Melilla queda lonxe, mais o que parece claro é que non se trata dun capricho da conselleira de quenda recén chegada, xa que hai constancia de cantidade de denuncias presentadas por presuntas violacións de dereitos desde que, practicamente, se abriu o centro, en 2001. Nin que dicir ten que o PP, que gobernou ininterrumpidamente a Cidade Autónoma desde o ano 2000, sempre negou todo tipo de acusacións de vulneración dos dereitos da infancia.

O caso parece grave e volve poñer sobre o tapete a problemática da xestión privada –ou privatización encuberta– dos servizos públicos, algo que de ningún xeito me acaba de entrar na cabeza. A xestión pública ten que ser iso: pública.

Conflitos de xestión

Te puede interesar