Concepción Arenal e Ricardo Carvalho Calero

Fai tres semanas, o 31 de xaneiro, cumpriuse o segundo centenario do nacemento da eximia ferrolá Concepción Arenal e, con ese motivo, quixen unir o seu nome ao de Ricardo Carvalho Calero, tamén ferrolán ilustre que está a ser centro de atención socio-política-cultural. Sabía que tiña desde hai anos un artigo, escasamente coñecido, de don Ricardo a ela dedicado, mais non o dei atopado para esa data. Pero agora apareceu. Trátase desta “Lembranza de Concepción Arenal” que deu á luz no número 1, de 31 de xaneiro de 1930, de Cultura : Órgano del C.O. de C. e que di así:

“Sempre que os ollares do meu esprito pousan o vó no rostro firme e meditativo que é a obra de Concepción Arenal, os meus ollos corporás represéntana tal como está no máis coñecido dos seus retratos. Hábito varonil, xesto napoleónico, fronte inmensa e adusta, acedo beizo, dorosas rugas, murcha chalina, chateaubriandesca, mainos cabelos de Renan. Ar de doctrinario francés; de vello apóstolo da democracia dazanovesca. Da escuridade da levita ampria xurde a faciana pálida. A bouta catedralicia; os ollos acesos e cansos como vellos guerreiros vedráns e afervoados; o narís recolleito nun xesto de serea compasión; a boca masculina, rasgada, durísima, fortísima; o bico austeiro. ¡Que ecuación máis perfeita antre o aspeito e a obra! Aquela fonte de amor que no corazón lle deitaba non pudo adugar do seu camiño a arela inmorredoira, sólida, concreta, maciza de apricar con kantiano estoicismo o vello principio da anterga xustiza: “suum cuique tribuere”. As rugas torturadas do seu rosto, os ollos embazados de enxergar a dor, transparéntanse a través das súas páxinas de mol e comprensiva feminidade. Mais no fondo lonxano de estes mesmos ollos, mares de augas amarguradas, anda a vagar, como peixe pantástico de unha mariña de ensono, o degoiro terço de atopar o logaritmo da equidade.

Rostro triste de ver a dor i esculcar o pasado. Encheito de unha sabia e infinida piedade. Cansa testa acugulada de coidados, como vella carballa cangada de niños, a cabeleira a bruar no vento romántico do trebón da vida.

A forteza bíbrica de esta nobre muller é espello ilustre das virtudes das mulleres galegas. Estas mulleres que fecundan o agro, que o axudan a parir, que cando o vento xiado da emigración arrinca da Terra ó home, empuñan as aspras rendas do fogar labrego e rinden na epopeia bárbara de unha loita cruel as bestas da miseria e da desgracia”.

Non perdamos de vista que Carvalho Calero acababa de cumprir vinte anos e estudaba cuarto curso de Dereito cando publicou este, ao meu entender, magnífico retrato que me lembra aquel “Ensaios de Phisiognomonía: Francisco Añón” que Vicente Risco publicou no número 51 (15 de marzo de 1928) de Nós : boletín mensual da cultura galega, publicación da que este ano, por certo, se conmemorará o centenario.

Concepción Arenal e Ricardo Carvalho Calero

Te puede interesar