Chistes

Nestes últimos días, a comezos de semana, recibín polo whattsapp unha mensaxe con este texto: “Los hosteleros lucenses trasladarán sus locales al interior de los buses urbanos para no tener limitaciones de aforo”,  acompañado dunha ilustrativa foto onde se ve un uniformado camareiro, con bandexa en man esquerda –como marcan os cánones para os destros–, que semella saír dun bus urbano lugués da suposta liña Taberna de Marcos-Catro rúas, nomes de dous coñecidos establecementos hosteleiros da nosa cidade irmá. Obviamente, non puiden máis que deliñar un gratificante sorriso, xa que nunca fun dado ás gargalladas, nin sequera ás nada escandalosas. A verdade é que ris para te non botar a chorar, porque o tema das limitacións non ten graza ningunha. Para ninguén. Porque todo este desastre sanitario está ocasionando unhas tremendas perdas económicas que vai acabar pagando Juan Pueblo, isto é, os de sempre. Uns, como neste caso a hostelaría, xa o están pagando de golpe, cando teñen que pechar ou se lles limita a clientela; outros, como os funcionarios –ou pensionistas–, vano ir pagando periodicamente, coas perdas de poder adquisitivo derivadas da xa anunciada escasa porcentaxe de aumento salarial fronte a un incremento sustancialmente maior do custo da vida, etc, etc. Mais a mensaxe de que falo, máis aló do espontáneo riso ou sorriso que nos provoca, ou da mágoa que agacha, leva moita razón. Non se pode sinalar alguén como causante principal dos contaxios.

Porque á vista do que as autoridades de todo tipo nos levan dito –sen termos moito en conta as inevitables contradicións, derivadas do descoñecemento dos comportamentos dun virus novo– non está moi claro en que espazos se dan as grandes transmisións. Escoitamos que os centros educativos poden considerarse  lugares seguros. Mais, se reparamos en que as aulas se imparten en espazos pechados –aínda que ventilados– e que o metro e medio de distancia entre o alumnado fixado pola Xunta é inferior aos dous metros de separación nas terrazas de bares e cafés, onde o ar circula libremente, non sei por que razón non se poden considerar tamén estas espazos seguros. E se comparamos, tanto aulas como terrazas ou, inclusive, determinadas partes pechadas dos cafés, cos autobuses –ben urbanos, ben interurbanos–creo que non hai parangón posible. Aí non hai nin ventilacións nin distancias nin nada que se lle pareza. Que llo pregunten a meu neto ou a calquera de tantos e tantas estudantes coma el que utilizan diariamente o bus universitario coruñés ao campus de Elviña. E, non obstante, velaí están as últimas normas de obrigado cumprimento da Xunta. Poden viaxar a Lugo 30 persoas nun bus e ao campo da Malata asistir só 150. Parece de chiste. Malo, claro.

Cousas destas son as que xustifican mensaxes como esta que me chegou antonte mesmo: “Me he hecho la prueba de estar hasta los huevos y he dado positivo”.

Chistes

Te puede interesar