Carlos Torres

Cando construíron a compostelá barriada das Fontiñas, dicía un meu bo amigo, xa desaparecido, que vaia anódina e insulsa vida lle agardaba á rapazada que lle tocase morar e criarse alí, nun espazo carente de bares e cafés. E probablemente non lle faltase razón. Cafés e bares de todo tempo e lugar, encheron unha parte non cativa da miña vida e, consecuentemente, están moi presentes nos meus recordos. Hai uns días faleceu Carlos Torres, quen fora xogador de 1ª división nas filas do Celta, Español, Málaga e Deportivo, entre 1952 e 1965.  A nova da súa desaparición física tróuxome lembranzas de gratos momentos pasados na súa compaña nunha cafetería -como non!- da rúa Juan Flórez, con nome de ilustre ferrolán. Alí, ao pé da miña casa, a media mañá de moitos domingos -haberá por volta de 20 anos-, adoitaba quedar con el e con Antonio Campos Romay -funcionarios ambos dos Servizos de Inspección Sanitaria da Consellería de Sanidade- para tomar un café. A primeira vez que o vin -Antonio non me dixera con quen ía vir acompañado- identifiqueino á primeira. Vin aquela cara risoña e xuvenil que mostraba nos cromos coa camisola do Español, que eu coleccionara de neno. Conservábaa. Persoa de exquisito trato, moitas anécdotas (Biosca, Lola Flores...) nos ten contado naquelas inesquecibles mañás dominicais. Recordareite sempre, amigo.

Carlos Torres

Te puede interesar