Caos

Onte, cando baixei comprar o pan e algunha que outra cousa -como diariamente fago- tiven que gardar unha pequena cola, como é habitual. A tenda é pequena e, consecuentemente, para gardar a imprescindible distancia social, encamiñada a reducir os contaxios, só se permite a entrada dunha persoa. Mentres agardaba, ao tempo que reparaba en que a xente adoita respectar folgadamente ese mínimo aconsellable de dous metros de separación, veume á cabeza a fotografía dunha aula que, mentres almorzaba, acababa de ver no noso Diario ilustrando a información referida ao servizo de limpeza dos colexios que depende do Concello ferrolán. Nada que ver a proximidade dos pupitres coa separación da xente na fila na que me atopaba. E iso que esta era ao ar libre. En que quedamos? O das distancias vai en serio ou son ganas de andar mareando a perdiz? Polo que teño ouvido, nas aulas vai ser pouco probable que en todo momento se manteña ese metro e medio estipulado polas autoridades educativas. Máis difícil vai ser gardar distancias prudenciais nos recreos. E no transporte? Diso mellor nin falar. A ver se o novo conselleiro é quen de amañar a situación. Non sería mala cousa, porque tal como vai...

Caos

Te puede interesar