Cantos gregos

Un dos temas que escoito con frecuencia é “Sto perigiali to kirfo”, habitualmente na versión interpretada por Giannis Parios e Mikis Theodorakis, xunto co coro e os músicos da Popular Orchestra “Mikis Theodorakis”. Aínda que tamén gusto doutras versións, como as de Maria Farantouri. Gratifícame sobremaneira, dun xeito semellante, sen que as composicións teñan moito que ver, ao que me produce a audición da aria “Va pensiero”, o célebre coro dos escravos da ópera Nabucco de Verdi. Entusiásmanme os sós de bouzouki.

“Sto perigiali to kirfo”, é o primeiro verso do poema “Arnisis” (“Negación”), da autoría de Yorgos Seferis, Nobel de Literatura de 1963, que foi musicado por Theodorakis, en 1960, nese seu afán de popularizar, por medio do canto, a obra dos grandes poetas gregos contemporáneos.

E abofé que ese poema, como outros desa xinea musicados por Theodorakis, axiña se fixo popular e, uns anos despois, mesmo chegou a se converter nun himno, nun canto de protesta contra a ditadura militar implantada en Grecia a partir do golpe de 1967. Téñome preguntado máis dunha vez se será esa circunstancia a causa principal de que desfrute tanto ouvindo o “Sto periali”. Nunca se sabe.

Penso que non erro se afirmo que o primeiro que coñecín de Theodorakis foi o “Luna de miel”, que tantas veces teño escoitado pola radio, cando era neno, na voz de Gloria Lasso, que o gravara en 1958. Logo viría “Zorba o grego”, máis tarde a cantata baseada no Canto General de Neruda e despois máis cousas.

Non teño tan claro poder indicar como e cando me chegaron os versos de Seferis. Sei que nos andeis da miña biblioteca hai un exemplar da Antología poética editada por Visor en 1989, mais non teño a certeza de se o merquei nese ano ou con posteridade. Lembro ter lido as catro composicións verquidas ao galego, que, nos oitenta, publicaron as revistas Nordés e Cadernos do povo. En calquera caso, cando si tiven un contacto evidente co poeta grego foi en Montevideo, no inverno e a primavera austrais de 1989. Fora aló catro meses do noso verán-outono para impartir un curso de literatura galega na Universidade da República Oriental del Uruguay, denominación oficial que descubrín daquela. Un bo día, nun dos taboleiros da Facultade, vin un anuncio dun curso de literatura grega contemporánea e decidín apuntarme. Impartíao un profesor, Álvaro Gallardo, un par de anos máis novo ca min, que tivera que liscar do país cando os milicos se instalaran no poder a raíz do golpe de Estado de xuño de 1973. Fora parar a Grecia e alí aprendera todo o que nese curso nos transmitiu aos asistentes. Lembro que, como as versións en español dos poemas que nos entregaba eran da súa autoría, falara con el da posibilidade de facermos unha tradución ao galego. Parecéralle ben, mais o curso acabou, deixamos de vérmonos e o proxecto ficou en nada. O propio Gallardo –que supoño que seguirá gozando coa poesía grega– virou para a diplomacia e non hai moito era embaixador na República Dominicana. 

Cantos gregos

Te puede interesar